O 2 de agosto de 1909 desapareceron máis de 200.000 pesetas do Banco de Vigo. Era unha cifra elevadísima para aquel tempo, así que os xornais non tardaron en cualificar o suceso como un dos grandes roubos do comezo do século XX. As principais sospeitas recaeron no vixiante da entidade, Justo Rojas Sánchez, pero os investigadores nunca conseguiron capturalo. Tras apañar un barco en Vilagarcía con destino a Cardiff, seica alcanzou as costas americanas. E aí morre o conto. O resto está por inventar. Destas historias de fascinantes malfeitores fala Fuera de la ley (La Felguera), volume de autoría colectiva que explora o lado salvaxe dunha época (1900-1923) xenerosa en anarquistas armados, bandoleiros crepusculares e apaches chegados de París. O agasallo é unha selección de ensaios e reportaxes extraídas da prensa, principalmente de Madrid e Barcelona -con alusións aos curdas “descendientes de los suevos”-, e unha escolma de fichas policiais onde podemos verlle a faciana a uns cantos malandros. Entre eles campan o noso Mamed Casanova, o mítico bandoleiro de Mañón, e un tal Celestino Pérez Merino, xornaleiro ambulante de Monforte presentado baixo a suxestiva advertencia de que “es muy malo”. Escribiu Pío Baroja en Patología del golfo: ”Sus ideas son suicidas: se ríe de la justicia y de la equidad en su modo de ser abstracto, pero respeta al polizonte. Es partidario de Nietzsche sin saberlo”. Nós somos moi partidarios destes intrépidos malvados.