Pobre Cervantes

FUGAS

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando comezou este ano, coa promesa pública de facer magnos actos culturais para celebrar o 400.º aniversario da morte de Cervantes (que coincidía co 400 de Shakespeare), pensei que -desta vez si!- íamos atinar coa vía da aproximación axeitada para recuperar ao autor do Quixote, é dicir, para achegalo e incorporalo para sempre ao noso coñecimento e, ao cabo, para entendelo e sentilo como propio. Pero non está sendo así. Equivoqueime!

Primeiro fun ver a «gran exposición» (así se anunciaba) que presentaron en Madrid a Biblioteca Nacional de España e Acción Cultural Española. Titulábase Miguel de Cervantes: da vida ao mito (1616-2016) e presentaba un mosaico de edicións de Cervantes e de obras relacionadas con el. A exposición estaba dividida en tres seccións: Un home chamado Miguel de Cervantes, Un retrato chamado Miguel de Cervantes e Un mito chamado Miguel de Cervantes. Nada menos. Para, ao cabo, saírmos dalí sabendo o que xa sabíamos de Cervantes.

Agora acabo de regresar de Sigüenza-Guadalajara onde fun ver unha exposición enxeñosamente titulada aTempora Cervantes 1616-2016 Shakespeare. Unha boa escusa para coñecer os claustros e a capela dunha fermosa catedral que admirou Cervantes. O esforzo que fixeron por reunir materiais ilustrativos diversos é moi meritorio. Alí puiden respirar, por fin, un aire intemporal que, xa que logo, tamén era cervantino.

De volta da viaxe, tratei de dexergar algo en Internet sobre as grandes celebracións que se prometeran -e se programaran- a comezos do ano en España. O primeiro que descubrín foi que non eran tantas nin tan grandes, porque a maior parte delas poderíanse inscribir nunha listaxe de ocorrencias intranscendentes ou, se se quere, de actos divulgativos menores, iso si, por todo o mundo. Quizais alguén está a viaxar moito á conta de Cervantes. Nada novo.

Case sen querer -porque xa non quería sufrir máis decepcións-, comecei a ollar o que se estaba a facer este ano sobre Shakespeare, na súa terra e fóra dela. Nada que ver co noso. Compróbeno vostedes mesmos. Skakespeare por aquí, Shakespeare por acolá, Shakespeare por todas partes.

Decidín entón escribir esta queixa inútil. Porque, por sorte, Cervantes non nos necesita para nada. De certo, nunca puido contar connosco. Somos nós os que queremos aproveitarnos del, e nin sequera isto sabemos facelo ben. Unha mágoa.