Con este título publicouse, hai cen anos, un opúsculo de 163 versos que cómpre lembrar e homenaxear. Non é o seu autor ningún poeta galego pertencente, nese 1916, ás Irmandades da Fala, creadas, en boa parte, para que a lingua galega se perpetuase. O autor é catalán, nado en Reus no ano 1878, e falecido, no ano 1930, en Madrid. Na Escola Normal desta cidade, o profesor Ventura Balañá, que era un políglota, foi catedrático de Inglés por oposición. Autor de varios poemarios en catalán, este poeta e lingüista, que nunca estivera en Galicia, escribiu este poema que é un canto á lingua galega: un canto e unha reivindicación. No prólogo, o poeta catalán acláranos que os seus mestres de lingua galega foron cinco poetas: Rosalía, Lamas, Pondal, Añón e Curros Enríquez. Por certo, deste autor, da súa Introducción a Aires da miña terra (1880), toma o noso poeta alófono o título do seu libriño. En efecto, no poema de Curros, nos versos 45 e 61, lemos: «fala armoñosa [...] non morrerás».
Comeza o poema deste xeito: «Deprendín a falarte cantando, / e cantando cheguei a quererte, / coma queren as frores aos páxaros; / coma as rulas nos albres se queren. / E ti, amorosiña, / tesme feito sintir os momentos / máis tenros da vida». Curiosa gabanza do idioma galego, non exenta de riqueza léxica e expresividade literaria, na que non se ten reparado. (Eu fixen unha edición facsimilar en 1993).
Debo aclarar que Ventura Balañá tratou en Madrid a Aurelio Ribalta (1864-1940), defensor dunha estraña grafía fonética que o poeta catalán fixo súa (qeren, dozes, abes...). O noso poeta alófono tamén tiña ideas propias no eido do léxico, que expón nun breve apéndice onde defende «sar» como sinónimo de «primitivo» e «bar», co significado de «curuto». O opúsculo impreso en Madrid contén, ademais, un prólogo do autor e outro de Aurelio Ribalta, o seu mentor lingüístico. Na contracuberta o autor anuncia a edición d’A Bibrioteca do Pobo Gallego, (Rebista das letras gallegas), que el dirixirá e publicará un número cada dous meses. No anuncio estampa esta consideración «Aos rexionalistas e amigos do idioma»: «Protexer esta pubricazón é fazer propaganda dos bosos ideiás». Non temos noticia de que exista ningún número que non sexa «¡Fala armoñosa, non morrerás!», o primeiro da serie. Era de elemental xustiza lembralo e gabalo.