¿Esperando a Godot?

FUGAS

08 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sete días antes de que votásemos nas pasadas eleccións xerais en España, aínda se podía ver nun teatro madrileño unha boa versión da obra dramática Esperando a Godot de Samuel Beckett. Alí un podía decatarse de que non eran tan distintos os mundos do absurdo que reinaban dentro e fóra do escenario. Os españois estabamos tan perplexos coma Vladimir e Estragón, os dous personaxes de Beckett que non sabían o que ía suceder no seu espazo e que, porén, sorrían ou se anguriaban sen ningunha razón. Porque a clave non estaba nos resultados (nin sequera nos electorais) senón na nosa predisposición para acollelos cada un á súa maneira.

Ao cabo, os resultados chegaron, pero non Godot coa súa luz. Porque Godot non é identificable nin se presenta nunca ás eleccións. Ao contrario, él é a chave que sempre nos faltará, por máis que agardemos. Así o dramatizou Beckett, incapaz de enxergar unha luz ao final dos nosos labirintos.

Antes de que se celebrasen as pasadas eleccións tiñamos moita necesidade de saber. Mais, fomos votar e -ouh, milagre de Godot!- seguimos necesitando saber, porque, en contra do que críamos, non acaba de verse a luz, aínda que o panorama nos pareza unha miga máis claro. Sucede que os beckettianos sabemos que non sabemos, é dicir, que esperamos sen esperanza, confiados en que a moeda caia de xeito que gañemos. ¿Por lóxica? Non, por casualidade. Porque os nosos políticos son incapaces de ver nada máis aló dos seus propios intereses e ambicións. Se os subíramos ao escenario da obra de Beckett, faríanlle unha extraordinaria competencia aos seus protagonistas.

A realidade é que o absurdo de Beckett é existencial e, por iso, desinteresado e xeneroso, pero o dos nosos políticos é moi interesado e, nalgúns casos, desvergonzado, porque sempre deixa ver que só os guía a súa avaricia ou a súa cobiza. De xeito que, sen querelo, un acaba por amar moito máis aos personaxes de Beckett, porque eles son inocentes, mentras que todos os demáis se nos figuran culpables. E nestas estamos. Desesperados por saber cara a onde estamos indo. Porque esta é a relación básica entre a cultura e a política. Aínda sabendo que, como ben reflexionou Robert Louis Stevenson, «a política é quizáis a única profesión para a que non se considera necesaria ningunha preparación». É dicir, ningunha cultura. Ningún saber... Unha mágoa.