Don Primitivo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

Así lle chamaban aínda, en Lugo, ao ourensán Primitivo Rodríguez Sanjurjo (1880-1947), que fora catedrático no Instituto masculino lugués varios anos. En 1960 incorporeime eu a ese claustro e aínda batín con excolegas e exalumnos que o lembraban entre admirados e sorprendidos. Moi poucos sabían que era autor dun libro de poemas (Las mesetas ideales, Madrid, 1910) e dun volume de prosas (Escenas de gigantomaquia, Ourense, 1923) que o mesmo autor consideraba «anacrónicas». Licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca e en Letras pola Central de Madrid, doutorouse cunha tese que titulou ?e sentou moi mal? Errores de la división provincial de España y fundamentos geográficos para una nueva división en provincias (Madrid, 1925, 49 páxinas). Pero don Ramón Otero Pedrayo, que foi catedrático de Xeografía na Minerva compostelá, dixo de don Primitivo que «nos anos dous ou cinco era o graduado en Letras de mellor formación xeográfica de España». Foron amigos, moi amigos, tanto que, cando, arredor de 1920, don Ramón abraza, con fervor, a causa galeguista, a amizade nin se rompe nin se embaza, como proban as cartas que exhuman, nun recentísimo libro, Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández e Patricia Arias Chachero.

Titúlase o volume, publicado pola Deputación de Ourense, Primitivo Rodríguez Sanjurjo y su epistolario con Otero Pedrayo, epistolario que consta de trinta e dúas cartas, cinco postais e un telegrama, textos remitidos ao polígrafo ourensán entre 1916 e 1946, unha gran parte deles desde os Estados Unidos, onde don Primitivo foi profesor de Literatura española (1922-1926). Nun dos capítulos do libro examínanse as seis cartas de don Primitivo obrantes no arquivo de Rubén Darío. Os autores desta monografía, atenta a canto aspecto é de interese, ofrecen, en Apéndice, textos gabanciosos sobre o curioso escritor ourensán, entre eles unha nota de Jorge Luis Borges, de 1927, na que afirma que no seu «general desconocimiento han colaborado la malignidad y la incomprensión». Máis a incomprensión, penso eu. Hai outro tipo de páxinas, nesta ben escrita monografía, que redescobre a un escritor e pon de relevo a relación de dúas intelixencias amigas. O libro fará as delicias dos críticos madrileños que devecen por escritores raros ou curiosos con estraño talento literario.