O segredo

FUGAS

A arte do relato, da que tanto platicaron os teóricos da literatura, ten en Galicia e na literatura galega unha das súas fontes de talento. Reafírmome nesta idea logo de pasar un tempo precioso, puro goce, coa lectura de A garza insomne, volume que recolle os premios do certame Manuel Murguía 2013-2015. É este premio, que pilota o concello de Arteixo, un dos principais da nosa anatomía de galardóns. É, tamén, o barómetro da nosa saúde literaria nesta disciplina principal. E digo principal porque os nosos clásicos foron peritos na arte do relato e, sobre todo, porque é esta unha radiografía da nosa intrahistoria literaria. Cunqueiro e Dieste foron mestres. Deste último afirmei que Historias e invenciones de Félix Muriel, na miña particular opinión, é un dos mellores libros de relatos que se teñen editado en lingua española. Borges, o meu santo patrón, saberá recoñecer esta opinión, espero.

Sigo co libro. Puro goce, dixen arriba, e non minto. Cito aos ganadores e finalistas que aparecen neste volume. Xosé Alfredo Naz Fernández, David Pérez Iglesias, Juan Tallón, Pedro Larrañaga, Antón Vázquez Arias, Adolfo Caamaño, Eduard Velasco e Antonio Piñeiro. Todas son obras magníficas. Pero se tivera que quedarme con algunha, quedaría con Consanguíneo de Juan Tallón. Unha prosa de tesitura estética sincopada, como bateladas, e cun pouso melancólico exquisito na súa semántica argumental. Un relato para ler e estudar en clases de literatura (prometo facelo). En todo caso, libro imprescindible, deses que alimenta -pola súa altísima calidade- o noso orgullo como galegos e lectores de literatura galega. E non baixa a calidade textual en As horas roubadas de María Solar, que pon de manifesto a sensibilidade e empatía emocional, afectividade e delicadeza, desta autora que amosou pericia na literatura de cativos e aquí, en obra máis profunda, acada concreción maior. María Solar vai camiño de se converter nunha voz relevante da literatura de Nós. Na miña opinión só lle falta modular a linguaxe, mergullarse no mar das palabras, arrincalas do adentro para fuxir dunha voz denotativa que pode facerlle dano ao seu talento innegable. Quero dicir e digo que na literatura non só importa contar con mimo e percepción maxistral, como fai Solar, senón e fundamentalmente, contar con distinción formal. Para esto debe coidar a autora a súa expresión: a lingua e a melodía da lingua. Coidar as palabras elixidas: velaquí o segredo, iso penso.