Cela e Bryce

FUGAS

13 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É certo que Camilo José Cela, nacido en Padrón hai agora cen anos, non gozou da estima dos escritores latinoamericanos do bum, entre outras cousas porque el, desafiante, nunca a buscou. Mais, Alfredo Bryce Echenique, o gran epígono limeño desa xeración, autor de obras dun humor requintado que escasea entre os seus devanceiros literarios, reivindicou explícitamente a mestría do premio Nobel galego en La familia de Pascual Duarte, a novela que, nunha edición dos sesenta, o padronés dedicou «aos meus inimigos, que tanto me axudaron na miña carreira».

«Foi unha das poucas novelas que ao lelas me convenceron ipso facto e sen reservas de que eu tamén sería escritor», escribiu Bryce Echenique, quen considera que a primeira frase da obra -«Yo, señor, no soy malo, aunque no me faltarían motivos para serlo»- é «un dos máis formidables íncipit que eu coñezo». «A Camilo José Cela, e moi precisamente a La familia de Pascual Duarte, débolle unha das máis grandes leccións de escritura que recibín na miña vida», recoñeceu o peruano.

Bryce sostén que «esta novela, a pesar das aparencias, nada ten de realista, e nunca nela importa tanto o narrado como o modo en que é narrado», de xeito que a única realidade que val é a que nace da literatura. Isto levouno a situar a vila sen nome en que sucede todo, «a unhas dúas leguas de Almendralejo», no mapamundi da literatura universal «exactamente ao lado do Comala de Juan Rulfo, do Santa María de Onetti, do Yoknapatawpha de Faulkner e do Combray de Proust».

Bryce suliñou a modernidade de Cela, o «ton inimitable» da obra, a atmósfera heteroxénea -«chea de brutais constantes e sutís matices»- e a impasividade case fatal que o domina todo. Por iso, dixo, é «unha inmensa novela, con toda a súa violencia e a súa ferocidade ás costas, pero tamén con toda a súa sinceridade de inocente», para mostrar «unha vez máis, cal un Doctor Jekill e Mister Hyde á extremeña, que o home, por natureza, non é senón ese amasillo, grande e miserable á vez, de luz e de sombra».

Nun momento como este, no que algúns parecen desexosos de opacar o fulgor literario de Cela, coido que é oportuno recuperar esta reivindicación incondicional, feita por un grande escritor que ten demostrada a súa vea celiana en obras como La vida exagerada de Martín Romaña ou La última mudanza de Felipe Carrillo. Dito queda.