Verín negro

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Juan Marsé emprega algunha pasaxe de Una puta tan distinguida (Lumen), a súa última novela, para fustrigar a premisa que lle outorga competencias exclusivas ao xénero negro na esculca da realidade social contemporánea. Non lle falta razón, pero á súa reprimenda habería que oporlle o coñecido interrogante de Didier Daeninckx: «Cando dous obreiros anarquistas, Sacco e Vanzetti, son condenados á cadeira eléctrica e os Dillinguer e os Capone están no máis alto, que outra cousa podes facer que escribir Os asasinos ou Colleita vermella? Desa atribución crítica -cuxo presunto monopolio ten máis que ver coa pirotecnia editorial que co pensamento de moitos autores- e doutros variados asuntos falouse na segunda edición dos Ciclos de Novela Negra de Verín. Houbo unha feliz unanimidade polos corredores: máis alá de modas e tendencias, os mellores títulos negrocriminais dos últimos anos poden lerse como unha resposta á inquedante proliferación polos despachos oficiais do gansterismo organizado. En tempos de crise, sempre é a percepción máis estendida.

Quedan poucas partes do Estado sen festival de novela negra. En Galicia, estes interesantes ciclos de Verín que se desenvolven dende 2014 -polo momento son bianuais- son o máis parecido a un tipo de encontros onde se debate a fondo e se respira afección e interese polo xénero. Sobre todo, está mal visto non levar a contraria. Vicente R. Justo e Aurora Prieto encárganse da organización e coordenan as conversas que durante un par de semanas, ao inicio da primavera, se van sucedendo con moi boa acollida de público no salón de actos da biblioteca do concello. A peculiaridade das xornadas reside na participación non só de escritores especializados no xénero, senón tamén de policías, gardas civís ou antropólogos forenses que ofrecen a súa visión profesional dos aspectos relacionados cos mundos criminais. Ese intelixente combinado e a frescura do que aínda está nacendo fan destes ciclos unha convocatoria imprescindible para todos os afeccionados ao xénero. Oxalá que sigan medrando. Vaise facer moi longo ter que agardar dous anos para volver a Verín.