Sobre o escritor Eduardo Blanco Amor (1897-1979) aínda non está dito todo. Algúns dos seus textos agardan a ollada erudita que os sitúe, dentro do discurso cultural galego, no lugar que lles corresponde. Por se fose pouco, acontece que unha parcela moi importante da súa escrita é descoñecida ou minimamente coñecida, nomeadamente polos críticos novos. Refírome a unha boa parte do seu labor periodístico, especialmente o publicado alén mar, sobre todo en Bos Aires. Pero estamos de noraboa porque dentro de poucos días presentarase na Feira do Libro da capital arxentina un volume que recolle textos periodísticos de EBA dun tempo e dun tema moi significativos.
Titúlase esta conmovedora colectánea En defensa e ilustración da Segunda República española nos anos da Guerra Civil (1936-1939), que edita Galaxia no selo literario Mar Maior. Compoñen a colectánea cen artigos publicados por EBA no trienio bélico, no semanario Galicia, da Federación de Sociedades Gallegas, daquela e durante décadas, a institución española máis belixerante co franquismo do mundo enteiro. Aínda hai pouco que arriou -só fisicamente- a bandeira tricolor. O centenar de artigos, amorosamente exhumados por Gregorio Ferreiro Fente e Emilia García López, constitúen unha páxina ilustre do periodismo galego: do periodismo galego como feito informativo e como feito literario. Explícao ben, na introdución e notas, o profesor Ferreiro Fente.
Hai páxinas conmovedoras como as dedicadas aos asasinatos de Alexandre Bóveda, Xaime Quintanilla e o irmán de Suárez Picallo. Nestas e noutras crónicas EBA non só escribía conmovido ou angustiado senón tratando de facer ver, tamén aos lectores non republicanos, que o Alzamento do Dezaoito de Xullo de 1936 fora unha expresión da barbarie reaccionaria e fascistoide, en non poucas ocasións secundada con ardor guerreiro por xentes que, invocando a Igrexa católica, delataban o seu espírito anticristián. Na biografía do galeguista EBA, o seu compromiso íntimo, fondo, intenso e activo coa República é un capítulo maior. Admiraba tanto a don Manuel Azaña que, cando este, ao final da contenda, dimite como Presidente da República, o gran Eduardo Blanco Amor ofrécelle o seu soldo de empregado en Bos Aires dunha tenda de mobles. Carta histórica!