A violencia respectable

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Autoridade entre as autoridades holmesianas e presidente do Detection Club entre 1975 e 1986, o londiniense Julian Symons (1912-1994) estivo por derradeira vez en España cando foi homenaxeado pola Semana Negra de Xixón en 1991, ano en que se cumpría o centenario da morte literaria de Sherlock Holmes. Symons era un home afable e simpático, especialmente dotado para a ironía sutil e o humor negro, un estupendo escritor capaz de crear personaxes e argumentos dunha truculencia fascinante. Pero, por enriba de todo, este crítico de enorme prestixio intelectual en Gran Bretaña -autor dunha moi citada historia do relato policial que Bruguera publicou en castelán en 1982- era unha auténtica enciclopedia do xénero, un erudito insuperable. Cando naquela Semana Negra os xornalistas lle preguntaron pola saúde do noir norteamericano, reivindicou a narración de misterio tradicional e pregou o cello cun sorriso antes de dicir: «Boa parte da novela negra escrita nos Estados Unidos parécese aos cómics. Na primeira viñeta sae bang bang; na segunda, esparéxense os miolos. E así segue». Non consta que daquela ninguén lle levara a contraria.

Trotskista na súa mocidade e amigo de Agatha Christie e de George Orwell, Symons comezou escribindo poesía antes de centrarse na crítica literaria e no relato detectivesco. En 1945 publicou a súa primeira obra de ficción, The immaterial murder case, abrindo unha traxectoria entre a intriga e a radiografía social que inclúe máis de trinta novelas e traballos críticos sobre Dickens, Poe, Hammett e Conan Doyle. Na década dos oitenta editáronse en España The narrowing circle (El círculo se estrecha), The man who killed himself (El hombre que se mató a sí mismo) ou The players and the game (Jugando a matar), títulos coñecidos por desenmascarar a «faciana respectable da violencia». O ano que recibiu a homenaxe en Xixón presentou a traducción ao castelán de A three-pipe problem (Un problema de tres pipas), divertidísimo pastiche sherlockiano cun protagonista que interpreta a Holmes nunha peza teatral e acaba comportándose na súa vida diaria coma o mítico investigador.