Dixo o meu admirado Raymond Carver: «É posible, nun poema ou relato, escribir arredor de cousas completamente tópicas e empregar unha linguaxe tópica, ao tempo de dotar as devanditas cousas -unha cadeira, un garfo, unha pedra, unha arracada- dun poder inmenso e ata certo punto asombroso». Váleme a cita para encabezar este primeiro Dandi do mes do entroido, que este ano caeunos ben cedo, célere e fugaz.
Recomendo en primeiro lugar A noite enriba de Diego Ameixeiras. Estou seguro que é un libro idóneo para calquera momento pero máis se un procura distración logo das máscaras, a fariña, as chocas e o bulebule das carnestolendas. Teño confesado en numerosas ocasións a admiración que sinto polo creador, artista, mestre xa da novela negra, Ameixeiras. Non hai narrador igual. Non o busquen. El conta dende Oregón, que é esa parte ignota que quizá apareceu con outro nome, e por primeira vez, nas novelas de Blanco Amor. Pelexa consigo mesmo en cada novela, como deben facer os bos novelistas, para reinventarse. Abandona a súa zona de confort para ofrecer retos ao lector. Aquí Diego; non, perdón. Aquí, repito, o personaxe principal da novela (autor e personaxe son obviedades diferentes) enfróntase a outro escritor de novela negra, David Goodis, de quen pretende escribir unha biografía. E non podo revelar máis. Só sinalar que calquera narrador fílmico encontrará unha boa historia para contar. E que o desenlace é brillante. E que os diálogos son lume. E que a este existencialista da fronteira, Verín abaixo, agrádanlle os «existencialismos» encontrados nesta breve pero interesante peza literaria.
E outra breve obra, pero intensa: Sobrevivindo de Arantza Portabales Santomé, gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, 2015. Ben escrita, con oficio literario quero dicir. Un puzzle onde Val Valdés, protagonista do relato, constitúese como peza angular de toda historia. Cada capítulo, que como saben os seguidores deste orixinal certame non debe pasar de 3500 caracteres, deixa expectante ao lector. Éunha historia de boncecas que esconden dentro bonecas novas. Unha sorte de matrioskas que se nos van aparecendo ao longo das trinta e unha parte que puidemos ler en agosto e que hai algúns meses, en formato libro, chegou ás librarías de Nós.
E para rematar, poesía. Como un bálsamo logo da troula carnavaleira: As cicatrices do sol de Luis Valle. Unha marabilla.