Convén iniciar 2016 con lecturas. E se poden ser lecturas óptimas, mellor. Corremos o risco, nesta «inmediatez» da industria editorial, de confundir o pertinente co accesorio, o esencial co superficial e o comercial aliterario co comercial literario, se me permiten esta diferenciación parcial e subxectiva. Digo que resulta preferible non ler que ler libros que deturpan a propia literatura, unhas veces impulsados por un márketing voraz capaz de instalar os seus sofismas entre os gustos do púbico, outras porque o politicamente correcto posúe mecanismos dabondo para distanciar o incorrecto, aínda que esta incorrección resulte profundamente literaria.
Recomendo para este inicio de ano a dous autores polos que sinto unha especial predilección e que ofreceron recentemente as súas últimas entregas narrativas. Primeiro un dos meus autores máis queridos, e non só pola súa relevancia narrativa senón, e fundamentalmente, porque en silencio e afastado de todo ruído de escaparate foi quen de construír un corpus literario que pola súa propia envergadura xa constitúe un dos máis ricos, poliédricos e fundamentais da nosa historia literaria. Falo de Antón Riveiro Coello, limián que riza coa súa lingua vizosa o mar de Boiro, literato imprescindible e, para min, un dos autores de maior magnitude da nosa literatura, pasado e presente. Leo Os elefantes de Sokúrov e unha vez máis quedo atrapado na gaiola de Riveiro Coello. Tecnicamente emprega varias voces, quizá para amosar o dominio da arte literaria ou porque a historia así o demandou. Janis, que observa a un letraferido absorto coas súas lectoescrituras. Un día desaparece e aí inician os narradores a viaxe. O amor polo cine, a metaliteratura (asunto fulcral no autor), a memoria ou a dor, Compostela. Unha, outra, gran novela de Coello. Quizá demasiado dialogada, pero non serei eu quen poña defectos a esta obra.
Como non os porei a Izan o da saca de Xabier Quiroga, outra obra rotunda para iniciar 2016 con pé literario e gozoso. Recorre o autor ao xogo do manuscrito, nesta ocasión recibido polo fiscal superior de Xustiza. Unha novela. Un taxista fai as veces de detective e mergúllase nos pozos do nazismo. Mestura de ficción e realidade. Narrada dende un multiperspectivismo perfectamente dosificado que lle outorga á novela viveza e dinamismo. Reiniña, o protagonista, devén como personaxe contundente.
Coello e Quiroga, lecturas óptimas.