Neste novo ano temos unha dobre oportunidade de homenaxear a Don Ramón María del Valle-Inclán, unha por cumprírense oitenta anos da súa morte en Santiago e outra polo 150.º cabodano do seu nacemento en Vilanova de Arousa. Duas boas escusas para volver sobre os valores literarios e dramatúrxicos deste escritor que hoxe goza de sona universal. E digo hoxe porque non sempre tivo esta fama. De feito morreu sen tela, considerado un bo creador literario, máis non un gran dramaturgo. Os seus fracasos no teatro durante a súa vida foron tan excesivos como excesiva era daquela a incapacidade socio-dramatúrxica para percibir e avaliar a súa modernidade.
A gran remontada comezou a finais dos anos 50, cando José Tamayo estreou no Teatro Español de Madrid a obra Divinas Palabras, o gran esperpento rural galego que logo acabaría por entusiasmar no mundo enteiro. O éxito foi clamoroso e escartizou as leis da vella crítica, desconcertada e superada. Porque a partir de aí xa nada foi igual. En 1966, Adolfo Marsillach triunfou coa montaxe de Águila de blasón e en 1967 José Luis Alonso certificou a enorme valía dramática de Valle-Inclán dirixindo La cabeza del bautista, La enamorada del rey e La rosa de papel. Unha carreira de éxitos que seguiu con Cara de Plata (1968), Romance de lobos e La marquesa Rosalinda (1971) e Luces de bohemia (1974). Logo, as obras traspasaron as fronteiras para converterse en éxitos nas grandes capitais europeas. Un dos grandes adiantados foi o sueco Ingmar Bergman, que montou Divinas Palabras en Estocolmo en 1950.
Hoxe, por fortuna, case todos estamos familiarizados coas obras de don Ramón e ninguén ousa negarlle nada. O seu nome figura na vangarda do teatro contemporáneo, con Bertolt Brecht, Michel de Ghelderode, Eugène Ionesco e Samuel Beckett.
0 5 de xaneiro de 1936, Valle-Inclán finou en Santiago de Compostela, a onde se trasladara para ser tratado dun cancro de vexiga no sanatorio de Villar Iglesias. Javier del Valle-Inclán (neto do escritor) e máis eu dedicámoslle un libro a esta etapa final (A morte de Valle-Inclán. O último esperpento, con prólogo de José Monleón). O enterro de Valle no cemiterio de Boisaca, nun día de mestas choivas e tebras, foi tan conmovedoramente valleinclanesco que parecía formar parte dunha das súas obras.