Creado por Earl Derr Biggers (1884-1933), o detective de orixe chinesa Charlie Chan foi un dos personaxes máis entrañables da narrativa clásica de misterio, a alternativa simpática aos malvados orientais encabezados por Fu Manchú. Paciente e educado, amigo dos aforismos e observador tenaz, apareceu por primeira vez no serial The house without a key, publicado en The Saturday Evening Post e editado posteriormente en libro. Houbo cinco novelas máis protagonizadas por este sarxento da policía de Honolulú: The chinese parrot (1926), Behind that curtain (1928), The black camel (1929), Charlie Chan carries on (1930) e Keeper of the keys (1932). O éxito entre os lectores facilitoulle a inmersión en Hollywood, onde se converteu definitivamente nunha icona da cultura popular dos Estados Unidos. Tivo moitos rostros, pero o actor sueco Warner Oland (o Fu Manchú anterior a Boris Karloff) foi o seu intérprete máis carismático durante os anos 30. O personaxe saltou tamén ao cómic, ao radioteatro e aos debuxos animados. Máis próximo a nós no tempo, o último Charlie Chan norteamericano interpretouno Peter Ustinov na curiosa Charlie Chan and the curse of the Dragon Queen (Clive Donner, 1981).
De vacacións en Honolulú, Biggers inspirouse no personaxe real Chang Apala (un policía hawaiano coñecido pola súa profesionalidade) para redactar as primeiras entregas de The house without a key. Os xefes da editorial Avenel, onde publicou as súas novelas, foron especialmente xenerosos co seu talento: abonáronlle a considerable cifra de 25.00o dólares (de hai case noventa anos!) pola compra dos dereitos literarios da seguinte aventura do investigador. Desgrazadamente, un ataque cardíaco en 1933 impediulle a Biggers continuar cunha proveitosa carreira literaria que exercía en Palm Springs, preto dos estudos de Hollywood onde estaban a adaptar con tanto éxito as súas novelas. Para consolo dos lectores, o afable Chan sobreviviu á morte do seu creador. Outros escritores como Bill Pronzini, Robert Hart Davis, Dennis Lynds, Jeffrey M. Wallman ou Michael Avallone seguiron escribindo as súas aventuras.