Distinción

FUGAS

04 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Groucho Marx: «Estiven tan ocupado escribindo a crítica que nunca puiden sentar para ler o libro». Sucede a miúdo, desafortunadamente. Os que escribimos sobre libros imos perdendo o pracer da propia lectura pensando no significado da mesma. No seu simbolismo, interpretacións ou hermenéuticas capitulares. Non somos quen de converternos en fonemas que naveguen perdidos no océano de cada novela, deixándonos ir nas ondas, permitindo que os dedos das palabras nos acariñen. É unha grave deformación. Por tal motivo esta quincena propoño libros que só procuran gozo lector sen pararme noutras esexeses máis propias dun exercicio crítico pausado que das breves recensións que aquí, durante lustros, imos coleccionando.

O primeiro libro fai honor ao premio que mereceu este mesmo ano o Xerais de novela. Titúlase De remate. Autor, Héctor Cajaraville. Paréceme un Xerais sobresaliente. Principalmente porque abonda na idea primixenia deste premio: descubrir textos óptimos e intrépidos. Tamén novas voces na narrativa de Nós. Héctor Cajaraville entra pola porta grande da historia novelística galega. Estamos diante dunha das novelas, pola súa estrutura, máis anovadora dos últimos anos. O personaxe central é un periodista, Bieito Sanmargul. Ao seu redor artéllase o fío diexético constituído por artigos, un diario, correos electrónicos, poemas (que o autor agradece na dedicatoria do libro ao seu irmán Julio), etcétera. Unha novela de prosa vivaz que en ningún momento baixa a garda do idioma, utilizado aquí de modo exacto facendo eco ao ideario de Flaubert resumido na sentenza «le mot juste». Agrada ler novelas como esta nun tempo en que os autores parecen estar resignados á preceptiva decimonónica da triloxía introdución-nó-desenlace. Agrada ler textos que outorgan ao lector un papel preponderante na transformación da historia relatada, un papel activo, intelixente, recreador.  Novelas como esta impulsan o noso sistema literario. Por intrépidas, precisamente. Por distintas.

Esa mesma distinción aparéceme e revélase nun libro agachado nos andeis da miña biblioteca e que caeu como unha beizón estes días: Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 de Sabino Torres. Un texto escrito con delicadeza e oficio. Fala de Pontevedra pero podería falar de todas as cidades «provincianas» plenas de encanto e marabillas. Prosa alta, rotundamente literaria. Distinción.