O 1 de decembro será homenaxeado en Vilagarcía de Arousa Manuel Blanco Mariño, que, un día despois, cumprirá 86 anos. Nin naceu en berce dourado nin frecuentou aulas que non fosen as da escola primaria pública dos anos ominosos do primeiro franquismo. Moi novo, traballou coa trencha e coa garlopa para gañar o pan de cada día, non o pantrigo, un luxo para os da súa clase. Como carpinteiro, exerceu nos talleres da Renfe en Vilagarcía ata a súa xubilación.
Pero o carpinteiro naceu (en Padrón) con talante poético nunha casa, humilde, onde seu pai improvisaba versos en louvor da natureza. Sabemos que, aos sete anos, o futuro carpinteiro compuxo unhas rimas satíricas non exentas de xeito.
Tomo este dato -non irrelevante- do prólogo de Cruz López Martínez ao libro, ao único libro de poemas deste magnífico fistor, Sentimentos da alma galega, publicado polo Concello de Vilagarcía no ano 2000. Foi Cruz López, alumna miña na Facultade de Santiago, quen coidou, con agarimo, a edición deste libro, que eu interpreto como unha antoloxía da produción poética de Blanco Mariño que abrangue un longo período (de 1945, con quince anos, a 1988, cun poema sobre García Lorca en homenaxe aos Seis poemas galegos).
Sobre Lorca xa escribira en 1973 o poema A Federico García Lorca, ?paseado? en agosto de 1936, inédito, supoño, durante anos. O mesmo debeu de acontecer co soneto de 1961 A Fidel Castro, fillo de galegos e gran Libertador de Cuba. Así de bravas eran as musas de Blanco Mariño naqueles anos. Son as musas que lle ditaron, en 1966, un alegato a favor da veiga de Castrelo de Miño, asolagada polas fauces capitalistas da industria dos quilovatios.
Cando Blanco Mariño se debruza sobre a realidade da emigración, constrúe, para o meu gusto, os seus máis logrados poemas, un deles, de 1962, Este vaise, que é un «sonetillo», composición na que o noso poeta é un mestre: «Marcha o fillo, vaise a nora, / queda deserto o turreiro, / que por xuntaren diñeiro / todos se van para fóra [?] non hai quen limpe o regueiro, / nin hai quen toque nas festas / que astra marchou o gaiteiro». Eu lin este soneto octosílabo en Radio París en maio de 1967, inédito aínda. Rexistra o dato, en nota, Cruz López, quen debería acometer, quince anos despois, a edición definitiva de Manuel Blanco Mariño. Non merece menos este fistor de notable talento poético, que xa facía excelente poesía social en Galicia antes de Longa noite de pedra (1962).