Cocaína, alcolismo e trata de brancas nunha película española de 1937? O cóctel, facturado en plena Guerra Civil, mesturouno o director Pedro Puche na resolta Barrios bajos, con produción da CNT a través do Sindicato de la Industria del Espéctaculo. Baseada na peza teatral homónima de Luis Elías, e máis preto do realismo poético francés que do primeiro cine norteamericano de gánsters, o filme conta a historia de El Valencia, un rudo estibador do Raval barcelonés que protexe un vello amigo que acaba de cometer un crime. O resultado non gustou demasiado entre os dirixentes do SIE: a trama denunciaba a explotación sexual feminina e reprobaba adiccións escasamente recomendables, pero o ton pareceulles pouco militante para un cine destinado a unha clara intervención social. A propia prensa libertaria non recibiu a estrea con demasiado entusiasmo, aínda que lle recoñeceu a fidelidade na pintura dos baixos fondos. Vista con case oitenta anos de distancia, Barrios bajos non posúe a auréola lendaria doutros filmes de produción anarquista (para mito, Carne de fieras de Armand Guerra), pero cómpre recoñecerlle o atrevemento desas «escenas de dubidoso gusto» que tanto incomodaron a crítica burguesa da época, por inofensivas que hoxe poidan resultarnos.
Tamén xornalista e dramaturgo, o murciano Pedro Puche (1887-1959) debutou no cine con No me mates (Los misterios del Barrio Chino, 1935), unha caricatura policial que asinou co pseudónimo James Bauer. Tras Barrios bajos só realizou tres filmes: Manolenka (1939), Una conquista difícil (1941) e Mi adorable secretaria (1942). O final da súa carreira desenvolveuno como director de dobraxe e adaptador de diálogos de producións estranxeiras. Condenada a un obrigado esquecemento durante décadas, coma todo o cine producido pola CNT durante a guerra, Barrios bajos foi o seu gran legado cinematográfico. Un melodrama negro e estraño que avanza a ritmo de tango. Cousa insólita comprobar que nunha película española dos anos trinta aparezan camándulas nifrando cocaína ou mulleres sendo forzadas a se prostituiren. Todo un folletín underground.