San Antonio Machado

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

Debo aclarar, en primeiro termo, que a santificación do autor de Campos de Castilla e dese extraordinario libro en prosa que titulou Juan de Mairena (1936) non procede da miña minerva. Son machadófilo desde hai uns setenta anos pero non debemos adornarnos con plumas alleas. A denominación, que data de 1950, é unha invención dun dos moitos devotos lectores que tiña o poeta Antonio Machado na Galicia daqueles anos, entre eles, Borobó (o gran periodista Raimundo García Domínguez). Con Borobó traballou en La Noche de Santiago, naquelas datas, José Landeira Irago (1923-1995), un dos homes de máis rica e eficaz erudición literaria da Galicia do século XX.

Posúo del un díptico co que felicitou as festas navideñas de 1950. Figura, na primeira páxina, impreso, un debuxo de Antonio Prado Díaz (un recanto de Padrón, 1948), e na terceira, a felicitación, lacónica e tópica, do remitente: «Felices pascuas y próspero año nuevo. Landeira. 1950». A continuación manuscribe algo que non era tópico: uns versos de don Antonio Machado, do libro Soledades. Galerías. Otros poemas, de 1907: «El alma que no sueña, / el enemigo espejo, / proyecta nuestra imagen / con un perfil grotesco. / Sentimos una ola / de sangre, en nuestro pecho, / que pasa? y sonreímos, / y a laborar volvemos». Despois deste verso, Landeira, o machadiano Landeira, escribe o nome e o apelido do autor do texto, pero precedido do título santificador: «San Antonio Machado».

Evoco este episodio machadiano porque estamos moi preto das Festas de Inverno e porque, o día 12, en Segovia, pronunciarei unha conferencia sobre o pensamento político de don Antonio (San Antonio, para Landeira). Nesas xornadas participarán, entre outros, Alfonso Guerra, Verónica Sierra, Monique Alonso e Antonio Chicharro Chamorro.

Habería que reunir os textos de Landeira Irago de tema machadiano, expresivos todos da súa admiración ao escritor. Eu lembro un, moi erudito, no que aborda a relación entre Machado e Lorca. Trátase dun apartado dun libro eruditísimo, escrito en portugués, que foi pioneiro no xénero: García Lorca de A a Z (Rio de Janeiro, 1976). Finaliza o estudo da relación entre os dous escritores con estas palabras: «Antonio Machado morreu pobremente na França, vítima inocente da guerra civil espanhola».