Intrigas arxentinas

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

16 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Hugo Christensen, Daniel Tinayre, Hugo del Carril, Don Napy, Hugo Fregonese, Román Viñoly Barreto. Sorprende a vizosa vitalidade alcanzada polo cinema negro arxentino entre os anos 40 e 50 do pasado século, éxito que correu en paralelo á difusión de coleccións literarias como Rastros ou a mítica El Séptimo Círculo, dirixida por Borges e Bioy Casares. Jorge B. Rivera (véxase Asesinos de papel, unha instrutiva recompilación de ensaios sobre narrativa policial escritos en 1977 xunto a Jorge Lafforgue) sinala a orixinalidade semidocumental de Apenas un delincuente, estupenda crónica criminosa dirixida en 1949 por Hugo Fregonese. Pero deteñámonos no prolífero Carlos Hugo Christensen (1914-1999) e en tres interesantes clásicos dos primeiros anos da súa filmografía, antes de desenvolver gran parte da súa carreira no Brasil. A xeitosa La muerte camina en la lluvia (1948), escrita por César Tiempo a partir da novela L?assassin habite au 21 do belga S. A. Steeman, e adaptada tamén por Henri-Georges Clouzot en 1942, foi o seu bautismo no xénero policial cun pé na comedia negra. A esta intriga, nada inferior á versión francesa en opinión de Rivera, seguíronlle dúas admirables adaptacións de William Irish: Si muero antes de despertar e No abras nunca esa puerta, ambas de 1952. Pensadas como unha única produción, pero estreadas de maneira independente por mor da longa duración da primeira, o dramaturgo asturiano Alejandro Casona, daquela exiliado en Bos Aires, encargouse de asinar os guións. En Si muero antes de despertar, un cativo descubre a identidade dun secuestrador de nenas sen confesarllo ao seu pai policía. En No abras nunca esa puerta preséntanse dúas historias: a túrbida trama de vinganza Alguien en el teléfono e El pájaro cantor vuelve al hogar, relato dun duro criminal que regresa á casa materna. Nesta última, o gran Christensen rubrica unha secuencia hitchcockiana duns cinco minutos sen diálogo de fascinante factura técnica. Tres mostras de noir nas ribeiras do Plata coas que principiar un máis que aconsellable mergullo na xenealoxía do cinema negro arxentino.