Haskins, o lisboeta

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Dicir António de Andrade Albuquerque (Lisboa, 1929) é dicir Dick Haskins, figura lendaria do policial portugués. O pseudónimo, coma en tantos outros casos da época, foi unha esixencia editorial: a finais dos anos cincuenta, cando publicou O isqueiro de oiro, cumpría asinar cun alcume anglosaxón para atraer lectores afeitos ás intrigas británicas e norteamericanas. Compaxinaba o traballo funcionarial nun ministerio cos estudos de Medicina cando a editora Ática lle propuxo escribir unha novela cada mes. O gran Haskins suxeriu un ritmo menos esixente: dous libros por ano. Aceptada a proposta, nacía unha brillante traxectoria literaria que traspasaría as fronteiras portuguesas con millóns de exemplares vendidos en máis de trinta países. O protagonista das novelas era o mesmo Dick Haskins, un afouto investigador chandleriano que paseaba a súa notable perspicacia polas rúas de Londres. En 1961, o fenómeno chegou a España da man da editorial Molino. Unha anécdota repetida en varias ocasións por Andrade: entusiasmado pola lectura de Premeditação, un ministro salazarista contactou co autor para convidalo a visitar o país sen saber que aquel Haskins era un funcionario lisboeta. Aínda hoxe, os seus lectores comentan que nalgunhas grandes superficies portuguesas seguen a colocar os seus libros nas seccións de literatura estranxeira.

Haskins chegou ás pantallas en dúas ocasións. A primeira, en 1966, cando o director barcelonés Julio Coll adaptou Fim-de-semana com a morte no filme titulado en España Comando de asesinos, protagonizado por António Vilar e Leticia Román. A segunda, en 1982, cando a RTP lle encargou a dirección dunha serie baseada nalgunhas tramas protagonizadas polo seu personaxe. Nos últimos anos, con máis de vinte novelas ao lombo de Dick Haskins, Andrade abandonou o heroe londiniense e asinou co seu nome outras intrigas narrativas como O papa que nunca existiu e O expresso de Berlim. En maio de 2008 foille concedida a Medalha de Honra da Sociedade Portuguesa de Autores. Os seus nostálxicos seareiros levan tempo agardando a publicación da anunciada A metáfora do medo.