«O modelo está esgotado» coinciden en sinalar dende todos os sectores que conforman a escena profesional galega. Compañías, directores, actores, bailaríns e dramaturgos sitúan neste momento o teatro e a danza nun punto cero do que vai depender remontar o voo ou perder todo o que se acadou nas últimas décadas. A Administración recréase nas cifras das axudas e, diante das demandas dos profesionais, manifesta vontade de diálogo
25 sep 2015 . Actualizado a las 17:21 h.Advertía Álvaro Cunqueiro que sempre foron os galegos temerosos das encrucilladas. De aí o seu afán por levantar nelas soberbios cruceiros e de encomendarse ao santo en cuestión para que os guiara no camiño correcto. Pois ben, a escena profesional galega -entendida na máis ampla acepción, de xeito que dea cabida a xéneros como o teatro, a danza, o cabaré ou novo circo -atópase neste momento, a dicir dos seus protagonistas, nunha fenomenal encrucillada e non se albisca no horizonte cruceiro ao que encomendarse.
Ou si, pero pode que o santo que o coroa non estea moito pola labor, veñen a dicir os sete profesionais da escena cos que nos reunimos para tratar de facerlle unha radiografía á situación actual do sector. Refírense á Administración autonómica e máis en concreto á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O director, actor e dramaturgo Cándido Pazó subliña que «o futuro ten que pasar necesariamente polo apoio público. Nós poderíamos producir espectáculos, incluso sen subvencións, pero finalmente haberá que dar co espectador e aí atopámonos, noutro nivel da Administración, con que se non hai unhas políticas de dinamización e de creación de públicos de nada serve o que nós fagamos. Así que ou isto se entende como un ben e un servizo público ou é imposible saír adiante».
Dende a Agadic aseguran non entender as acusacións de falta de compromiso. «Compartimos os mesmos obxectivos», comenta Jacobo Sutil, director da Axencia.
E ás cifras se remite. «No 2014 incrementouse un 52 % con respecto a 2013 o número de espectáculos promovidos ou subvencionados dende a Agadic a través da Rede Galega de Teatros e Auditorio e do programa Cultura no Camiño. E a previsión é que neste ano se incrementen outro 4% con respecto ao exercicio anterior».
Os profesionais da escena galega poñen en cuestión o valor destes datos por incluír neles os espectáculos de Cultura no Camiño. Explica Belén Pichel, presidenta da Asociación Galega de Artes Escénicas, «que moitos deses espectáculos non teñen que ver co que nós entendemos por teatro profesional».
Segundo os datos da Agadic, no 2013 a Rede Galega de Teatros e Auditorio e Cultura no Camiño acolleron 546 espectáculos de teatro, danza e circo. Cifra que se incrementou ata as 698 funcións no 2014. No 2015 está previsto chegar a 728.
Pero máis alá das cifras o que realmente está en cuestión é o propio sistema de subvencións. Para Tito Asorey, director de IlMaquinario, unha desas novas compañías que emerxeu con forza no panorama teatral galego, «o actual sistema de axudas e os criterios que se utilizan para concedelas están absolutamente caducos». Unha opinión compartida polos sete reunidos. Para Roberto Pascual, director do festival de teatro de Ribadavia, «non se trata de mellorar as axudas á produción senón de atender á integralidade dun proxecto». E propón que máis alá do inicial apoio á produción unha compañía poida recibir tamén axudas a posteriori en función do resultado final do espectáculo.
Mobilización
O sector da escena deu por asumido que os tempos son chegados e estase mobilizando para empezar a reconstruír o sistema. Ao tempo, sinalan, está tratando de tirar das Administracións para que se sumen a colaborar nesta reconstrución. O que estas non entenden, di Xesús Ron, director de Chévere, «é que hai que reconstruílo dunha maneira distinta porque o modelo actual non ten saída».
O certo é que neste verán no teatro galego pasaron cousas moi sintomáticas de que algo se está movendo. Non só polo pulo acadado pola Asociación Galega de Artes Escénicas, senón tamén polo escoitado nos debates acontecidos nos foros que tiveron por escenario os festivais de Cangas e de Ribadavia.
Precisamente neste último xurdiu -confesan os profesionais non sen certa sorpresa- a proposta para empezar a redactar o borrador dunha lei galega das artes escénicas. A nova cita para avanzar nesta cuestión é no FITO de Ourense. «Non sei se o acadaremos pero dende logo é un xesto moi construtivo por parte do sector profesional para poder enfocar un horizonte», sinala un proactivo Xesús Ron.
Esta reclamación dunha lexislación autonómica do sector é compartida dende todos os ámbitos profesionais. E dende os grupos políticos da oposición no Parlamento de Galicia, segundo revela o presidente da asociación galega de actores, Vicente Mohedano. «Nós xa mantivemos con eles algunhas reunións ao respecto e mostráronse moi interesados no proxecto».
Os profesionais da escena consideran que hai problemas no día a día moi graves e que necesitan de accións políticas para superalos. Xesús Ron subliña a cuestión do traballo. «Non hai traballo no teatro porque a contratación reduciuse entre un 50 e un 70 % con respecto a hai seis ou sete anos»
Esta ausencia de contratación provocou que as compañías teatrais que tiñan una certa estrutura tiveran que desfacerse dela por non ser capaces de xerar o suficiente traballo como para mantela e que as compañías novas que xorden nazan co mínimo.
Iso está a provocar que «como ninguén me contrata me autocontrato eu mesmo», di Xesús Ron. Situación da que se deriva unha saturación do mercado e unha desregularización en canto ás condicións laborais.
A presidenta de Escena Galega recoñece que hoxe hai máis compañías que cinco anos atrás. «Houbo un bum para xerar autoemprego», comenta. «Máis que autoemprego eu diría que autoactividade, que é moi distinto», puntualiza Cándido Pazó.
Tito Asorey engade un elemento máis, a saída ao mercado cada ano dunha nova promoción de actores e directores formados na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD). «As empresas existentes non poden asumir a toda esa xente polo que o minifundismo cada vez vai a ir a máis».
Situación distinta é a da danza. «Como somos menos e damos menos guerra semella que con nós non pasa nada», apunta Xiana Vilas, da compañía Cisma. Para ela a situación do Centro Coreográfico Galego é un bo reflexo do que esta a acontecer co xénero. «Cada vez temos menos visibilidade porque non se está a facer un traballo de conexión co público, principalmente co máis novo».
A economía do bolo
Outro modelo que os profesionais da escena consideran esgotado é o da Rede. «É imposíbel sobrevivir bolo a bolo, un día aquí e outro alá», din. A reclamación xeral é que as compañías reconquisten os lugares de exhibición. Para Tito Asorey «o exemplo de Chévere en Teo é paradigmático». Cándido Pazó tamén se manifesta de acordo na posibilidade de crear compañías residentes pero advirte dos conflitos que iso xeraría. «Non hai teatros para todas as compañías». Aínda así concorda con Roberto Pascual en que «xeraría estabilidade e identidade».
Hoxe en día un espectáculo de éxito pode acadar 10 ou 15 representacións na rede galega. Aínda que se lle sumen algunhas funcións a taquilla, ¿pode unha compañía subsistir con iso?, pregúntanse os profesionais. Unha solución pasaría por abrir mercados máis alá do Padornelo. «Para iso faría falta unha implicación institucional moito maior. Ti vas polas feiras de teatro de España e nunca ves representación do teatro galego», comenta Belén Pichel. «Noutras industrias din que o importante é a internacionalización e a Xunta ten departamentos encargados da proxección exterior. Pero para as industrias culturais non», engade Roberto Pascual. «A economía do bolo é absolutamente terminal. O que é realmente importante é establecer e manter conexións», conclúe o director de Chévere, compañía que a vindeira semana inicia unha xira por Latinoamérica.
O propio Xesús Ron resume o sentir xeral fronte a actual situación. «É o momento de responsabilizarse para non perder todo o que se fixo. Así que, dentro do difícil é un momento de certa ilusión».
Sete pistas
- Vicente Mohedano: «Hai partidos políticos moi interesados en participar no proxecto dunha lei galega das artes escénicas»
- Xiana Vilas: «Os da danza, como somos menos e facemos menos ruído, semella que non existimos, pero hai compañías que o están pasando moi mal»
- Cándido Pazó: «O futuro das artes escénicas en Galicia ten que pasar necesariamente polo apoio público»
- Belén Pichel: «É incomprensible que o teatro galego non estea representado en ningunha feira no resto do Estado. Así non se pode saír fóra»
- Tito Asorey: «O minifundismo será cada vez maior. Ao non haber traballo a xente crea novas compañías para sacar adiante os seus proxectos»
- Xesús Ron: «Este é o momento de responsabilizarse para non perder todo o que se fixo en décadas. É un momento difícil, pero á vez de moita ilusión»
- Roberto Pascual: «Hai que cambiar o concepto. Hai festivais que poderían xogar o papel das feiras. Noutros países xa se está a facer»