Unha illa cultural é no que se converterá, do 3 ao 6 de setembro, a aldea do Bierzo que acolle desde hai anos o festival alternativo Vibra Balboa!! Unha proposta que bebe do Fusión Festival xermano e na que prima o sentimento de comunidade e un ritmo de actividades frenético. Daí o cartel, que non dá pé ao descanso e este ano se abre á musica africana
28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Un paraíso. Iso é Balboa, unha pequena aldea do Bierzo de 70 habitantes que do 3 ao 6 de setembro acollerá unha nova Vibra Balboa, a festa que fai medrar o seu censo ata 500 persoas e axuda á reivindicación dun espazo que a modernidade deixou atrás, como case todo o resto do mundo rural. É unha cita alternativa, que aposta por «difundir unha cultura non mercantilizada, a prezos populares, accesible, diversa e non comercial». Fronte ás aglomeracións doutros festivais, Vibra Balboa defende unha proposta acorde co entorno, e conceptos como o voluntariado, a creatividade por riba dos grandes despregues técnicos e o sentimento de comunidade entre os participantes nun lugar que consideran máxico.
Que ninguén vaia pensar que é unha proposta de relax. O ritmo é frenético e case non da pé para coller folgos entre unha actividade e outra. Desta vez programáronse 45, que se desenvolverán en seis escenarios: a praia fluvial, Amalavida Bar, a Palloza do Río, a Palloza de Chis, El molino de agüita e a Casa das Xentes. Escenarios que pagan a pena aínda que non houbera actividades paralelas.
A novidade desta edición é a participación dun colectivo de Senegal, que se encargará de levar adiante obradoiros de reciclaxe e danza africana, a creación dun mural e un recital. As propostas deste ano tamén inclúen desde un obradoiro de elaboración de cervexa ata sendeirismo, teatro, aprendizaxe de baile jazz-swing e números circenses. Pero o que máis hai, como sempre, é música. Retumbará durante os catro días para que a aldea vibre.
Comezará o xoves 3 co hip hop do senegalés Rawan Diallo, o balkan-klezmer dos holandeses Trikosis, a mestura de música balcánica, ska e swing de A Patxaranga e, pechando a noite, o DJ Mx Vinyl Sound. O venres 4, a primeira hora da tarde, arrancará o DJ ourensán Sir Bajoni, ao que seguirá a música latina do proxecto multicultural LaSmala, a rumba desde Granada de Mare, o indie-folk chegado de Badaxoz de Pepe Peña & The Garden Band, os portugueses Monte Lunai, a música animosa de Fanfarria Taquikardia, da que aínda se recorda a súa interpretación de A las barricadas nunha procesión en Lugo; o folkie balcánico de Muyayos de Raíz, e os festeiros Chotokoeu, que participan activamente non só na música, senón tamén na organización deste festival. Para quen aguante, pecha a noite o DJ Sam Dharma.
O sábado 5 a proposta non é menor, coa percusión dos composteláns Trópico de Grelos, a salsa do DJ Takodjaki, o planeamento musico-teatral e bailador dos madrileños Swingdigentes, a música popular dos coruñeses Fresquiños, a proposta afrogalega de Perfusión e Amigos, a orixinal proposta folkie dos coruñeses Folkólicos, a música freakadélica e incendiaria dos madrileños Alpargata e o segundo pase de Mundo Lunai e LaSmala, para quen hoxe pediu os bises. O final de noite poñerao o compostelán DJ Hadri Hache, cunha proposta que mestura música balcánica, con cumbia e electroswing.
De despedida, o 6 pola tarde unha jam session e micro aberto para os que queiran subir ao escenario, porque os artistas non só teñen que saír no programa.
Balboa, O Bierzo. Ata o domingo. 20 euros (abono), 12 euros (día). Concertos, circo, teatro e obradoiros. Zona de acampada