Mulleres de serie

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Vírgenes catódicas, putas recalcitrantes (Txalaparta) reúne estupendos artigos de Katixa Agirre, Iratxe Fresneda, Josebe Iturrioz, Irati Jiménez e Itziar Ziga sobre algunhas series de televisión vistas dende unha perspectiva feminista. A través de exemplos como Expediente X e Mad Men, pasando por Buffy Cazavampiros ou Sexo en Nova York, as autoras vascas percorren diversos itinerarios analíticos que comparten a reprobación das formas narrativas e visuais que alentan o virus do heteropatriarcado. Conclusión: estamos todos arrodeados de propaganda androcéntrica, aínda que consumir ficción televisiva seguirá sendo un pracer ao que dificilmente poderemos subtraernos. A primeira vez que Itziar Ziga viu un capítulo de Sexo en Nova York quixo vomitar sobre a pantalla e estrangular a Carrie Bradshaw, pero máis tarde detectou que nas súas imaxes existían «resplandores que logran velar todas as sombras». O espírito de amizade entre mulleres «elevada ao infinito» que transmitía a serie podía compensar dalgún xeito a súa reaccionaria visión do amor e da vida de parella.

No capítulo dedicado ás mulleres do nordic noir, Iratxe Fresneda lembra unha secuencia da serie escandinava Bron/Broen (The Bridge) en que a carismática detective Saga Norén (Sofia Helin) rexeita ser convidada a unha copa por un home co que acaba de permitirse un intenso xogo de miradas nun bar de Malmö. Tal negativa provoca que o pretendente se alonxe asumindo a súa «derrota», aínda que a policía non dubida en preguntarlle abertamente se quere manter relacións sexuais con ela. A resposta é un perplexo «si» por parte do home. A Saga non lle apetece tomar nada, pero claro que desexa deitarse cun descoñecido tan atractivo; ningún problema. «Imos, pero antes teño que comer», é o seu xeito de culminar un rápido e pragmático cortexo. Fresneda (como supoñemos o resto de autoras) ama a Saga Norén, puta recalcitrante. E lanza unha das conclusións máis incuestionables do libro: «A vida debería ser así de sinxela, amigas. Desgrazadamente, e en xeral, bébense demasiados gin tonics de garrafón antes dunha mala noite de sexo».