Pasados vinte e cinco anos do seu falecemento, sorprende que na Cataluña de hoxe apenas se coñeza a obra de Manuel de Pedrolo (1918-1990) máis alá da célebre Mecanoscrito da segunda orixe (1974), segundo posto na táboa histórica de vendas da literatura catalana con 900.000 exemplares só superados por A praza do diamante, de Mercè Rodoreda. Estes días celebrouse o aniversario da súa morte con menos entusiasmos dos que merecería. Redactáronse algúns recordatorios, TV3 dedicoulle un documental (Trencant l?oblit) e confirmouse a estrea de Segon origen no vindeiro Festival de Sitges, adaptación cinematográfica do Mecanoscrito que dirixiu o cineasta Carles Porta trala morte de Bigas Luna, primeiro impulsor do proxecto.
Pero a sensación é que ao redor da súa extensa obra (uns cento vinte libros entre narrativa e teatro, principalmente) segue erguéndose un estraño silencio. Como se a poliédrica figura de Pedrolo, responsable da colección de novela negra La Cua de Palla y Premi d?Honor de les Lletres Catalanes en 1979, quedase reducida á instantánea dese escritor «para adolescentes» que imaxinou unha fábula postapocalíptica de indiscutible éxito literario. Militante da CNT durante a guerra civil e un irredutible independentista moi crítico cos partidos políticos, comezou sendo poeta existencial a finais dos corenta, cultivou o teatro do absurdo e rematou escribindo todo aquilo que lle faltaba á literatura catalana do seu tempo, dende novela negra ou fantástica ata narracións eróticas. Nesa inaudita produción (inevitablemente irregular) e no seu carácter de escritor identificado cos xéneros populares, pode atoparse unha das razóns do seu actual ostracismo entre a xerarquía académica, así como nas súas severas reprobacións ao autonomismo pujolista durante a década dos oitenta.
Galaxia editoulle catro obras en galego: á citada Mecanoscrito da segunda orixe (en versión de María Victoria Moreno) súmasenlle os entretidos policiais Xogo sucio (1965) e Círculo vicioso (1968), e os relatos de ciencia ficción incluídos en Traxecto final (1975), estas tres con tradución de Leandro García