Manuel Graña González

FUGAS

10 jul 2015 . Actualizado a las 05:30 h.

A primeira Escola de Xornalismo que houbo en España fundouna Ángel Herrera Oria en 1926 en Madrid, cando dirixía o xornal El Debate e tiña como subdirector a José María Gil-Robles. Un dos profesores máis destacados daquela escola foi Manuel Graña González, galego de Cangas. Graña fora ordeado sacerdote en 1918 e pouco despois Herrera Oria enviárao a EE. UU. para estudar o ensino do xornalismo na prestixiosa Universidade de Columbia (Nova York), que hoxe segue a ser vangarda mundial nesta materia. Á volta, Graña escribiu o libro Escuela de periodismo. Programas y Métodos, que influiu enormemente na organización dos estudos xornalísticos en España e que hoxe está inxustamente esquecido ou relegado. 

Manuel Graña exerceu tamén como xornalista e foi autor de miles de traballos periodísticos. Informou desde Irlanda sobre a loita pola independencia, foi enviado especial nas frontes da nosa Guerra Civil e colaborou cunha axencia de prensa católica estadounidense. Morreu en Madrid o 29 de setembro de 1963, aos 84 anos, e foi enterrado no cemiterio da Almudena. Pouco antes fora nomeado «xornalista de honra». En Cangas, onde naceu, hai unha escultura en bronce, obra do gran  Francisco Asorey González, que nos recorda o pouco que sabemos deste fillo predilecto da súa vila. Falo del hoxe porque non vexo que o faga ninguén, e non quero sumarme a eses voluntarios dos grandes silenciamentos, que logo se empeñan en recordar a tanto mindundi. 

Sei pouco de Graña, certo. Foi o veterano correspondente internacional Celso Collazo Lema quen me falou del. Seica os seus pasos se cruzaron en Inglaterra a finais dos anos cincuenta. Collazo acordábase dun vello xornalista cheo de curiosidade e moi interesado polas novidades do mundo. Celso Collazo nacera en Vimianzo en 1921, pero coñecía ben Cangas, e sobre isto tamén falaron. A Collazo, que finou o ano pasado aos 92 anos, puidemos facerlle unha sentida homenaxe o 2 de xullo no seu Vimianzo natal. Foi unha fermosa xornada, coa presenza de xornalistas coma Juan Caño e Óscar Becerra, do físico Jorge Mira e de parentes e veciños. Unha placa inaugurada polo alcalde na casa familiar dá conta disto. E, feita esta rememoración, pregunto: ¿Non merecerá o pioneiro Graña unha homenaxe parecida? Quen sabe. Se cadra os tempos aínda non son chegados.