Chamábanlle Frank

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

A inicios dos 70, Sam Peckinpah acababa de baixar a persiana do western con Pat Garret & Billy The Kid e o spaguetti vivía os seus derradeiros días de gloria. Pero na literatura popular, máis preto de nós, as historias do Far West seguían sacando músculo nas tramas dos mestres Lafuente Estefanía, Silver Kane ou Curtis Garland. No caso do primeiro, moitas daquelas novelas de vaqueiros editadas por Bruguera foran publicadas inicialmente na editorial Cíes do vigués Eugenio Barrientos, introdutor en España do concepto «bolsilibro» durante os anos da posguerra. O western, as «novelas de a duro», continuaba vivo nos quioscos nutrindo o tempo de lecer dunha xeración de lectores que requirían argumentos con diálogos directos e escasas descricións. Non era preciso perderse en detalles, a xeografía ao oeste do río Pecos frecuentábase nas pantallas dos cines de barrio. Un exemplo da súa vixencia entre os afeccionados novos: primeiras edicións de weird west hispano (combinación de duros foraxidos con personaxes sobrenaturais) alcanzan prezos elevadísimos nas poxas por internet.

A morte de Frank González (1975), de Xosé Fernández Ferreiro, trouxo á nosa literatura a mitoloxía do western cunha historia a varias voces que rastrexaba nas vivencias dun personaxe lendario, unha especie de sombra sobre a que se proxectaban diversas versións biográficas sen que ningunha delas chegase a abranguer o misterio construído ao redor dese enigmático home do Far West. Escrita «dun tirón, unha desas noites nas que o sono non dá chegado», era a primeira vez que se falaba galego nas terras salvaxes dos EEUU. Un valioso atrevemento que pretendía capturar lectores (máis alá das rutinas da militancia política e cultural) mediante unha historia narrada coas referencias habituais dos titáns de Bruguera. Pasaron os anos e o insólito Frank González ficou algo solitario e final entre a durísima competencia catalana, pero celebra agora catro décadas convertido nunha pequena lenda das nosas letras. Xoguemos a poñerlle o rostro curtido de Frank Braña, aquel foraxido do Cantábrico que sabía morrer coma ninguén.