Hai biografías breves (moi breves), tráxicas e fermosas: a de Perfecto de Dios Fernández foi unha delas. Naceu en Sandiás (Ourense) en 1931, incorporouse á guerrilla antifascista moi novo e foi abatido, pola Garda Civil, o 16 de maio de 1950, na localidade de Chaherrero (Ávila). Tiña dezanove anos cando morreu, fuxindo da represión en Galicia, entre os trigais da enxoita terra castelá. Súa nai, a guerrilleira Carmen Fernández Seguín, que tamén fuxía da arrepiante represión, rendeuse ante os gardas para que o fillo agonizase no seu colo. (lembra unha das estampas da Galicia mártir de Castelao). A decisión valeulle dez anos de prisión, na que xa estaba, daquela, outro dos fillos, Camilo, honra e gloria do antifranquismo galego. Padeceu trece anos no cárcere. A Perfecto de Dios enterrárono en Chaherrero á beira da igrexa pero fóra do cemiterio, que así o establecían as leis do nacionalcatolicismo da época.
O verán pasado, o 19 de xullo, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) exhumou os restos (e as botas de guerrilleiro) de Perfecto de Dios, acto ao que asistimos amigos e camaradas da súa ilustre familia, entre eles, Carmen García Rodeja, nome eficaz e abnegado na nobre causa da ARMH. Cómpre salientar que a exhumación e probas forenses posteriores contaron coa axuda económica do sindicato noruegués ELOGIT ante a insensibilidade da Administración española.
O día 7 de xuño serán inhumados os restos de Perfecto de Dios no cemiterio de Sandiás, no mesmo panteón onde repousan os da súa familia. Serán recibidos pola coral Enriqueta Otero, que interpretará o Himno internacional da guerrilla; no epílogo soarán algúns dos versos máis nobres das musas hispanas e os acordes da chanson que Eugène Pottier encabezou con este verso: «Debout les damnés de la terre!».
Desde o día 7 Perfecto de Dios Fernández vai acadar un certo coñecemento entre un grupo pouco elevado de persoas e o recoñecemento dun número aínda menor. Haberá veciños que serán indiferentes, cando non reticentes, ao feito de que os restos deste loitador sexan trasladados á terra dos seus. Falando dun fusilado aínda pouco coñecido, José Mejuto, de Cangas, dicía Edurado Galeano nun dos seus últimos escritos: en España pasouse de corenta anos de ditadura a outros corenta de amnesia.