Roseanna (1965), a fascinante novela coa que os xornalistas Maj Sjöwall e Per Wahlöö inauguraron a corrente social da ficción negrocriminal, cumpre cincuenta anos convertida en obra de culto e sumando lectores entre aqueles que se engancharon ás intrigas nórdicas co fenómeno Stieg Larsson. Máis alá de fillos directos como Henning Mankell e Jo Nesbø, outros pesos pesados da altura de Dennis Lehane ou Michael Connelly, dende os Estados Unidos, sempre reivindicaron o valor dunha obra que abriu unha serie mítica de dez novelas (protagonizadas polo comisario Martin Beck) que cuestionaron as presuntas bondades do estado de benestar sueco entre 1965 e 1975. Efectivamente, todo comezou con Roseanna e con aquela de «parella de nomes impronunciables» que militaban no Partido Comunista e admiraban a Fidel Castro. En Suecia, cando gobernaba Tage Erlander e aínda se conducía pola esquerda, triunfaban os Stieg Trenter, Maria Lang e H.K. Rönblom con novelas que bebían da tradición británica. Había detectives, había asasinatos. Máis nada. Pero cando chegaron Sjöwall e Wahlöö, o policial sueco púxose a disparar contra a moral burguesa e un estado aparentemente modélico do que emanaban fortes pestilencias.
Escribiron moi rápido, dez novelas nunha década, cun ollo no procedural de Ed McBain e outro na paulatina descomposición do modelo económico socialdemócrata. Para Mankell, daquela adolescente, resultou «unha revelación» descubrir uns personaxes tan reais coma os oficiais de policía que aparecían na brillante estrea literaria da parella. O policía que ri (1968), levada ao cine nos Estados Unidos por Stuart Rosenberg, valeulles o primeiro Premio Edgar Allan Poe que se lle outorgou a unha novela non escrita en inglés. Lamentablemente, a Wahlöö matouno un cancro de páncreas en 1975, cando só tiña corenta e oito anos. Sjöwall, á que coñecera en 1961 na revista Idun, non tivo forzas para continuar coa serie (que rematou con outra novela excepcional, Os terroristas) e centrouse no seu traballo como unha das tradutoras máis prestixiosas do seu país. Ela segue entre nós, celebrando a vida perpetua de Martin Beck.