Cando a finais do pasado ano lles concederon o premio galego da música na categoría de pop/indie albergaban esperanzas de que o recoñecemento se transformase en concertos. Mais non foi así. O grupo admítese unha rara avis na escena galega independente polo feito de utilizar o idioma propio. En Bueu porán sobre as táboas argumentos abondo como para reverter a situación
08 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Pois non escampou, non. Confiaba Roi Vidal, vocalista de Ataque Escampe, na noite na que lle concederon o premio galego da música do 2014 na categoría de indie/pop que o galardón se traducira en concertos. Aínda que xa advertía entón que o premio era un punto e seguido, e que se non o houberan gañado tería sido unha coma. «Ao final nin coma foi», confesa seis meses despois. «O cal non é un menosprezo ao premio senón o exemplo de como está a situación aquí en Galicia. A xente non nos pode contratar se non ten como», matiza.
O de Ataque Escampe é desde logo un caso ben atípico. Reverenciados desde hai máis dunha década polos seus seguidores e por unha parte minoritaria da crítica, o grupo mantén uns postulados non só musicais senón tamén éticos e estéticos que os singularizan na escena galega. Para ben e para mal. «No pequeno circuíto indie que existe en Galicia, incluídos festivais como o do Norte, enténdese que hai que cantar en castelán. Se cantas en galego deben pensar que es folk, tradicional ou te asocian a un discurso nacionalista. E iso é algo xa moi do pasado».
E o certo é que tanto pola súa música como polos contidos das súas letras, a Ataque Escampe só se lles pode vencellar coa modernidade. «Facemos música moderna no sentido amplo da palabra, atendendo ao agora pero tamén ao aquí», sinalan.
Enreda Roi Vidal con que «ao mellor se cantamos en catalán temos a sorte de vir tocar a Galicia». ¿Onde está, logo, a diferenza? «En que as bandas catalás teñen o apoio de grupos mediáticos moi importantes e de festivais como o Primavera Sound. E aquí en Galicia non temos ningunha desas estruturas».
Bueu. Aturuxo. Domingo. 20.30 horas. 5 euros