Na extraordinaria Vastas emoções e pensamentos imperfeitos (1988), Rubem Fonseca ascendeu ata un cumio que só está ao alcance dos grandes mestres, esa altura narrativa onde o autor consegue equilibrar a tensión do thriller tradicional, armado de acordo coas convencións do xénero, cunha abraiante exhibición de músculo literario e cinematográfico capaz de quitarlle o alento a calquera. Resulta sorprendente que unha novela tan ateigada de referencias culturais, onde os personaxes dialogan cunha artillaría intelectual que en mans inexpertas derivarían na pedantería máis insufrible, poida degustarse como unha obra de entretemento que atrapa ao lector polas constantes viraxes da trama, e por esa prodixiosa capacidade do autor brasileiro para encaixar a cita ilustrada na engrenaxe ordinaria da literatura popular. Un obxectivo perturbador dende as primeiras páxinas: levar á pantalla os relatos de Isaak Bábel. A aventura dun director de cine que soña sen imaxes, involucrado nun suspense abondoso en crimes e encontros sexuais, é a historia desa obsesión.
Volver a esta novela maxistral significa revisar tamén o violento realismo dos contos incluídos en Cabalaría vermella (1926), a obra de Isaak Bábel que sobrevoa en todo momento a intriga descrita por Fonseca. A fascinación que o protagonista amosa polo escritor ruso (ao que sitúa por riba de Chéjov e Dostoievski) emana da súa estudada simetría entre ironía e lirismo e dunha precisión sintáctica dificilmente imitable. Bábel era dos que sufría escribindo. Fusilado durante as purgas estalinistas, equiparaba o acto creativo cun «traballo de presidiario» que lle provocaba grandes padecementos: «Non teño imaxinación, non sei inventar nada. Para escribir sobre algunha cousa teño que coñecela ata o máis pequeno detalle», confesoulle a Konstantin Paustovski nun diálogo recollido despois da súa morte. Igual que o mellor Fonseca da década dos oitenta, sempre cómpre regresar a ese formidable relato titulado Guy de Maupassant: «Non hai ferro que poida penetrar de xeito tan fulminante no corazón humano coma un punto colocado a tempo».