A cidade de Síbaris, en Italia, forma parte da historia grazas aos usos e costumes refinados e exquisitos dos seus cidadáns. De aí vén a voz sibarita. Na contraportada de cada Fugas, Luis Pousa asina esa sección. El rincón del sibarita é un territorio onde encontramos preciosas alfaias literarias, estrañas en ocasións, sempre sublimes. Declárome devoto seguidor do sibaritismo, e reclamo con vehemencia que a súa filosofía fundamental se traslade á literatura galega, onde o sibaritismo existe pero case sempre permanece extraviado e distante. Foi sibarita para algúns a poesía elaborada nos oitenta, por ser culturalista e singularmente esteticista. Pero todo aquel reclamo de venecianismo perdeuse no tránsito á nosa era.
De todos modos aínda escoitamos cantos, non de serea, que empuxan á esperanza. Que exista unha tradución da Divina Comedia ao galego como a realizada por Darío Xoán Cabana debe ser motivo de orgullo para todos os galegos. Unha peza única, feliz, perfecta. Tamén a tradución do Ulises joyceano por Eva Almazán, Queipo, Vialle e Seisdedos, que xa glosamos no seu momento. Ou os sonetos de Shakespeare vertidos á nosa lingua por Gutiérrez Izquierdo. Efectivamente, a tradución galega non só resulta meritoria, senón paradigmática, exemplarizante e angular.
Porén, esta saúde óptima non se ve reflectida no sistema escolar. O alumnado, en moitas ocasións, ata descoñece a altura e exuberancia da nosa cultura literaria. O apotegma é simple: quen traduce tan primorosamente debera posuír un sistema de produción/distribución exquisita similar. Pero non. Hai editoras que cumpren un labor excelso, de Linteo a Rinoceronte, de Alvarellos a Toxosoutos, de Libros da Frouma a Trifolium (por non citar a excelencia editora infanto xuvenil de OQO ou Kalandraka ou El Patito Editorial), pero, agás as editoras especializadas en infantil, non gozan da fortuna de posuír presenza e pertinencia no noso sistema de ensino. Algo haberá que facer. Porque revisar os catálogos das editoras citadas ven a producir en Nós un grande sentimento de reafirmación e re-crenza en Galicia e no galego. Grazas a todos os homes e mulleres que de modo tan xeneroso, e esforzado, agrandan a cultura de Nós. E dito isto recomendo un libro dunha das editoras citadas, Rinoceronte: «Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río» de László Krasznahorkai. Sibaritismo, en esencia.