Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Modesto Hermida: homenaxe

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Modesto Hermida García (Vales, San Cristovo de Cea, 1946), doutor en Filoloxía Galega, exerceu como mestre nacional, como catedrático de Galego en varios institutos, como catedrático de Literatura galega na Escola de maxisterio e como inspector de Ensino secundario, función que desempeñaba nas datas da súa xubilación profesional (3-5-2012). Nestes tres anos non se xubilou como investigador literario nin como poeta. Como investigador segue no eido da narrativa galega do XIX, tema da súa tese de doutoramento (1995), e como poeta ten publicado textos que non desmerecen das mellores páxinas de No fío da navalla (2010), libro co que terán que contar os futuros antólogos da nosa poesía contemporánea.

Hai tres anos un grupo de colegas acordamos homenaxear ao noso compañeiro cunha colectánea de textos e estudos que mañá, sábado, 25 de abril, se presentará «nun céntrico local de Vigo». Titúlase o volume Homenaxe a Modesto Hermida e ten como antetítulo Polos vieiros das palabras, o que xa é un achegamento á personalidade literaria do homenaxeado, vello amigo da causa da palabra.

Como noutros volumes deste xénero, hai un capítulo preliminar co currículum persoal e profesional e a bibliografía. O groso da publicación son dez estudos lingüístico-literarios asinados por Ana Acuña, X. Alonso Montero, Gregorio Ferreiro Fente, Manuel González, Esperanza Mariño, Alfonso V. Monxardín, X. Neira Vilas, Arturo Reguera, Anxo Tarrío e Xosé M. Vélez Latorre.