O 19 de marzo inaugurouse no Museo de Pontevedra a mostra Faustino Santalices. Tradición musical galega, unha exposición dunha riqueza extraordinaria en instrumentos, en documentos, en recortes de periódicos, en ferramentas de artesán, en bibliografía? É o legado de don Faustino, que coidou con amor o seu fillo, o oftalmólogo Faustino Santalices. A mostra pontevedresa reedita a ofrecida en maio de 2010 polo Museo Etnolóxico de Ribadavia, que contou cun pedagóxico e documentado catálogo prologado por Xosé Carlos Sierra Rodríguez, director do museo ribadaviense. Sabedores os organizadores da mostra pontevedresa de que eu -que nunca fun gaiteiro nin zanfoneiro- tratara a don Faustino nos meus anos madrileños, convidáronme para que dixese unhas palabras.
Agradecido, contei unha parte da miña relación co ilustre músico e musicólogo, do que tanto aprendín. Foi no curso 1952-1953 na tertulia galega do café Lyon d?Or de Madrid. O que primeiro me impresionou de don Faustino Santalices foi o seu galego enxebre, o xeito popular con que o falaba e o ritmo, sempre axeitado, da súa elocuión (era músico!). Eu, moitas veces, sentaba de par del para oír mellor o seu falar e para preguntarlle sobre a vida e milagres de Xan Míguez (1847-1912), nado en Ventosela (O Ribeiro), a aldea de miña nai. Don Faustino consideraba ao Ventosela (este era o seu nome artístico) o mellor gaiteiro de fins do XIX. Don Faustino non só tratou ao señor Xan Míguez senón que coñeceu e foi alumno, de neno, do gaiteiro de Penalta, o protagonista do maxistral poema de Curros Enríquez O gueiteiro (sic) de Penalta. O día que me fixo esa revelación a miña sorpresa foi maiúscula pois eu, coma tantos lectores do gran poeta, pensaba que o protagonista dos maxistrais versos era un gueiteiro de ficción.
A don Faustino debo un dos agasallos bibliográficos que máis me teñen emocionado: un exemplar, moi ben conservado, da Gramática gallega de Juan A. Saco Arce (Lugo, Soto Freire, 1868), a primeira gramática do idioma galego digna de tal nome, daquela peza de bibliófilo. Transcribo, cos circunflexos e apóstrofos de 1952, a súa memorable dedicatoria: «Adícolle, con moito afeuto, ô amigo Alonso, esta Gramática de Saco Arce, c?unha aperta d?iste vello gaiteiro. - F. Santalices».