«Escribir é un xeito de organizar a vida. E a necesidade de facelo segue presente aínda que non se teña público». Coñecida pola súa misantropía, era raro que Patricia Highsmith falase do seu oficio con outros escritores. Non por celos ou desconfianza, senón porque lle parecía pouco estimulante a compañía deses individuos cuxas «antenas invisibles tratan de captar as mesmas vibracións no aire» e «nadan uns xunto aos outros na mesma profundidade, dispostos a fincar os dentes no mesmo plancto que flota á deriva». A señora do suspense prefería a amizade dos pintores: «A pintura é a arte que está máis intimamente vencellada coa do escritor. Os pintores están afeitos a empregar os ollos e é bo que o escritor faga o mesmo». En realidade, receaba de calquera relación social como xerme para a actividade literaria e, principalmente, das «persoas que nos atraen ou das que estamos namorados» por seren «unha especie de caucho que nos illa da faísca da inspiración». Se pensaba así, era porque sabía dende unha idade moi temperán que un escritor traballa sempre mergullándose a pulmón libre na propia individualidade.
En 1983, na etapa final da súa vida creativa, a artífice de Tom Ripley reuniu estes e outros mandamentos no clásico Sus?pense. Cómo se escribe una novela de misterio, recuperado agora en castelán por Círculo de Tiza. Pero que ningún futuro escritor teña a esperanza de atopar nesas páxinas unha fórmula máxica para edificar a narración perfecta. Dende a súa butaca, a veciña dos gatos advirte dende o primeiro envite: se o oficio literario resulta tan atractivo, é pola «constante posibilidade de fracasar». Por iso non hai grandes normas, só fuxir do aburrimento. Highsmith desvela e suxire máis que lecciona, e faino alternando observacións técnicas con algúns consellos útiles para a vida doméstica do escritor. Quizais só sexa necesario evitar as distraccións, convivir a fondo cos personaxes e espesar os argumentos a lume lento. Pouco máis. E si, afastarse o máximo posible deses señores con antenas porque «ao que máis se parecen é ao cancro, que vai devorando sen dar nada».