Payador en Compostela

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

27 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Relendo a Lino Novás Calvo -nomeadamente o relato Un dedo encima incluído en Cayo Canas (1946)- un galego que comparte con Rulfo, Asturias, Onetti e Carpentier a altura do realismo-máxico-imaxinario na América, decátome da utilidade dos glosarios. A min non me cómpren vocabularios gauchescos ou do lunfardo, poñamos por caso, pero si faime falla, para entrar a fondo en Novás Calvo, saber que un bajareque é algo así como unha tapera. É dicir, un bohío escanastrado, rancho desfeito, casarella afundida. Así son as palabras, así nomean?Pois entre as follas de Cayo Canas apareceume o programa do recital de Atahualpa Yupanqui na Aula de Cultura da Caja de Ahorros de Santiago, o 27 de novembro de 1973. «Trovador nato con la guitarra siempre apretada contra el corazón?» indica o díptico no que tamén figura o repertorio: El arriero va, A qué le llaman distancia?, Taguala de los mineros, un malambo, unha vidalita, unha zamba e, como non, Las coplas del payador perseguido. Cando rematou a actuación, retransmitida en directo pola radio, non quixen marchar canda os colegas cos que fora, quedei faguendo o remolón. Logo de agadar case unha hora puidenme achegar a don Ata, que así é como lle chamaban con agarimo a Héctor Roberto Chavero Aramburo. Músico, poeta, cantautor, figura cimeira do folklore arxentino, etnógrafo estudoso das culturas aboríxenes do noroeste, grande entre grandes. Aquela noitiña acompañei a Atahualpa -en quechua «o que vén de lonxe para traguérmonos a palabra»- e a Nenette, Paule Pepin Fitzpatrick, a súa compañeira e colaboradora. Preferiron regresar a pé ao hotel e despediron aos anfitrións. Eu encantado en faguerlles de guía. Falou da guerra civil, dos amigos galegos exiliados -trataran moito a Seoane e a Maruxa- e ata me amosou o seu índice dereito torto. Quebráralle a mau a policía peronista, para que non tocase a guitarra. Ignoraban que era manicho, amolounos. Percorremos xuntos a rúa do Vilar, entramos na catedral, seguimos ata a Porta do Camiño e demos volta pola Virxe da Cerca. No Toural sorprendéronse coa herba mate Taragüí, na tenda dos Carro, claro. Preguntáronme polo movemento estudantil, polo PCE, tiñan ansia de saber... Despedímonos con emoción na porta do Hostal dos Reis Católicos, coa esperanza de que cando voltasen a dictadura de Franco sería pasado. Nenette baixoume un agasallo inesperado; o disco e o libro El payador perseguido, Atahualpa adicoumos. Fun cantando todo o camiño cara ao Burgo.