Dezaoito narradores internacionais desembarcan en Santiago, Teo e Vigo para levarnos a outras beiras do Atlántico
13 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O mundo imaxinario arredor do Atlántico e as historias que se xeran nos lugares onde baten as súas augas é a proposta de Atlántica, o Festival Internacional de Narración Oral, que arrancou onte e ten como sedes distintos espazos de Santiago, Teo e Vigo.
Nun momento de obsolescencia programada, onde os soportes mudan a cada paso deixando inservibles contidos que formaron parte das nosas vidas, este festival reivindica un rexistro que consideran universal: a palabra. Defende aquela tradición oral dos antigos xograres e o papel dos narradores de contos, tanto de relatos propios como de recollidos. Os organizadores de Atlántica din que a luz do faro, logotipo desde a súa primeira edición, son esas historias.
Se o ano pasado unha serea cos seus cantos atraía á xente cara ás distintas propostas do certame, logrando que as sedes se quedaran pequenas, este ano unha dorna tradicional transporta aos 18 participantes aos seis espazos onde se desenvolve unha programación que recolle 26 experiencias.
Polos distintos escenarios pasarán os integrantes do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, a contadora de contos Ángeles Goas, o antropólogo e escritor Rafa Quintía, o grupo Pavís Pavós, o autor arxentino José Campanari, o actor Pepo Suevos, o contador británico Tim Bowley, a actriz Ana Carreira, a escritora Magda Labarga, a narradora de Uruguai Patricia McGill, a ilustradora de interiores e escultora de palabras lusa Ana Lage, o docente xaponés Yoshi Hioki, a narradora Charo Pita, o contador zamorano José Luis Gutiérrez, Guti, o promotor musical Javier Rial, o escritor Antonio Reigosa, a narradora de Madeira Sofía Maful, o poeta Celso Fernández, os polifacéticos contadores galegos Quico Cadaval, Avelino González e Paula Carballeira, e tamén a actriz uruguaia que conta historias Soledad Felloza, directora do festival.
A obxectivo sempre é unir narradores que naceran nas costas do Atlántico, porque se entende que escoitar historias doutros lugares fainos viaxar e aprender. Porén, en todas as edicións, súmase alguén dun mar de fóra para amosar os peixes doutras ribeiras. Felloza destaca que aínda que se dá paso a novas voces, o público mantense fiel ás propostas locais e as entradas dos contadores galegos son as máis demandadas. A maioría deles repiten, tamén o fai Sofía Maul, pola boa acollida do público.
En Atlántica hai propostas de pago, de entre 6 e 10 euros, e de balde, para público maior e tamén funcións escolares para chegar os contos aos máis cativos. A novidade deste ano é que se aposta por ampliar a presenza do público e se conta con que 5.000 persoas asistan aos distintos espectáculos.
Nesta terceira edición ademais, para axudar co financiamento deste festival, o de máis duración e co maior número de espectáculos dos que se celebran en Galicia, optouse por establecer unha fila 0, para suplir con colaboracións a caída dun patrocinador por dificultades coa programación.
Atlántica aínda non se gaba de ser un certame asentado, os seus promotores din que queda moito público ao que chegar e miran como referentes ao Conta Narón, extensión do Festival Internacional de Narración Oral de Agüimes (Gran Canaria), ou a xestión de festivais franceses polo que xa teñen alcanzado a nivel profesional. Soledad Felloza recoñece que o modelo no que queren mirarse é o escocés, cunha casa do conto aberta en Edimburgo, cunha grande biblioteca de textos das narracións orais escocesas e cun festival que ten programación estable todo o ano. Din que eles queren ter un espazo similar, unha casa do conto, para a nosa tradición oral.