Starsky e Andreu

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

A finais dos setenta, un novato Andreu Martín presentouse na Xefatura Central de Via Laietana e descubriu que os mellores policías daquela arrepiante comisaría só querían parecerse a Starsky e Hutch. Cóntao en Cómo escribo novela policíaca (Alba). «Perseguir comunistas? Non entendemos nada de Marx e Engels ?confesoulle un inspector?. O que queremos é perseguir asasinos e ladróns, coma os polis das películas e da tele». A conversa rematou cun exercicio de franqueza: «Os que sacan peores notas, os máis parvos, van onde non quere ir ninguén. Á Brigada Político-Social. Ou sexa: que alí, perseguindo comunistas, están os parvos. Parvos que queren facer méritos, que son os peores». Martín procuraba inspiración no procedural de Ed McBain e pretendía que os lectores españois empatizasen co traballo dun axente de Homicidios (tarefa arriscada) nunha época na que as fotografías de Franco seguían nos despachos. Aínda que dificultosa, a misión tivo éxito: en 1980, o inspector de primeira Javier Lallana, protagonista da excelente A navajazos, acabou collendo corpo a partir daquel encontro cun policía de carne e óso que fantasiaba con guiar o Ford Torino de Starsky polas rúas de Barcelona.

Contra o puritanismo que considera que «un acto puramente agradable non pode ser meritorio», Borges sostiña que «certos críticos negan ao xénero a xerarquía que lle corresponde» porque carece do «prestixio do tedio». Andreu Martín nunca aburre nas súas novelas. Dende aquela Aprende y calla (1979) que lle valeu a admiración de Montalbán e Marsé, ata a última aventura de Flanagan na recente Els bessons congelats (2015), o mestre barcelonés nunca se permitiu ese luxo. Nin cando se introduce no maxín deforme dun psicópata nin cando agora se delata como un estupendo divulgador neste imprescindible Cómo escribo novela policíaca. No limiar de Por amor al arte (1982), Juan Madrid fíxolle o retrato perfecto: «Ves rir a Andreu, achégaste e decátaste de que non está rindo, é un aceno. Polo contrario, ponse a falar en serio e, entón, dalgún sitio oculto da súa persoa escóitase o rumor dunhas risas». E así segue.