Nun momento de crise para o salto profesional de moitos músicos porque xa non quedan nin torreiros festivos onde tocar, os artistas patrios volven cara atrás e recuperan o concepto single, iso de lanzar unha canción para que sirva de lebre do resto do traballo. Un bo formato para un momento en que todo se consume rápido e para o concepto viral que facilitan as redes sociais.
Ese foi o caso do último traballo de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto, lanzado o 25 de novembro, e do que adiantou Mergullei e Matriarcas. Esta última é unha peza reivindicativa que acompañou dun vídeo co que conseguiu ter ampla presenza audiovisual, pese a que posterga a xira ata marzo. Susana Seivane fixo o propio esta semana ao avanzar Esperando a Fiz, cunha imaxe da súa panza preñada. É un single con tres temas que presentará en directo hoxe no Clavicémbalo de Lugo, e que se anticipa ao disco enteiro, Fiz, que sairá cara o verán. Sés, pola súa banda, xa amosou a portada e o título do seu seguinte traballo, Tronzar os Valos, e aínda que non se puido escoitar ningunha peza xa anuncia, no seu vídeo-resposta aos seus seareiros, que fará un single no que incluirá o seu himno Labregha bergantiñana, pese a que non aparecerá neste disco. Xa só queda que recuperen o vinilo.