«Tocar para o público infantil é especial»

FUGAS

Tras o éxito dos seus primeiros traballos para nenos, Pablo Díaz, premio Martín Codax da música o pasado outono, embárcase en Xente miúda moita fartura, un proxecto para os máis cativos

20 feb 2015 . Actualizado a las 09:50 h.

Pablo Díaz (A Coruña, 1972) presenta esta fin de semana na casa o seu novo traballo, Xente miúda moita fartura, cun espectáculo no que estará acompañado por Carmen Rey (piano e voz), Tito Calviño (guitarra acústica) e Olga Kirk (coros) e que vai dirixido para nenos ata 5 anos. Iso si, os menores de 3 que vaian no colo non pagan. Este multiinstrumentista e compositor, que é integrante de Ruote e Tátara Trío e defínese coma un «trotamundos da música», opta desta vez por un cedé para nenos prelectores.
-Cambia a proposta con respecto aos anteriores.
-É distinto. Vai encarado para nenos de 0 a 5 anos e é unha cousa máis íntima. Nas outras entraba batería e baixo eléctrico, pero aquí o fundamental é o piano, a voz e a guitarra. Opto por un disco sinxelo, directo e con pouca instrumentación.
-Sorprende cando os outros funcionaron moi ben.
-Buscamos outro público, para nenos máis pequenos, para escolas infantís. Hai temas que falan de comida saudable, de gardar os xoguetes, das árbores froiteiras...
-Case un proxecto didáctico.
-Sempre busco un fin didáctico, que sexa divertido, pero tamén que teña educación en valores. 
-¿Por que a autoedición?
-É unha experiencia nova, como unha proba, por iso o fixen con menos músicos e unha cousa máis pequeniña. É un experimento. Estamos levando todo nós e é coma unha pequena empresa. A veces é importante ter o control de todo o que fas.
-¿Queda xa centrado na música infantil?
-Levo moitos anos na música tradicional, pero este foi un camiño que abrín nun determinado momento e estou moi contento coa música infantil en galego. Tocar para o público infantil é especial. Ofrecéronme facelo en castelán, pero a miña opción, polo momento, é esta. 
-¿Que máis prepara?
-Faremos agora a parte visual do disco, un par de videoclips. O tema visual agora é moi importante para os nenos, porque hai que pensar que eles viven nun mundo de pantallas, de plasmas e xogos dixitais. 

Concierto

A Coruña. Fórum Metropolitano. Mañá. 18.30 horas. Domingo. 12.30 horas. 5 euros (bono de 3 pases a 12 euros)