Se entramos nunha libraría portuguesa procurando unha novela de Roussado Pinto (1926-1986) é posible que nos despachen cun sorriso nostálxico un exemplar de O nome dela é Claire, publicada baixo o pseudónimo Ross Pynn na colección Bolso Noite da editora Europress que el mesmo dirixía xunto con Luis Campos. Pero cumprirá un chisco de sorte: as obras do xornalista lisboeta levan anos fóra de combate, así que o mellor será acudir a un alfarrabista (libreiro de vello) e remexer entre glorias esquecidas. Dese xeito quizais consigamos outros policiais como O caso da mulher nua ou O caso da mulher das meias negras, editados na década dos 70 do pasado século. Como lle acontece a gran parte dos esforzados escritores de literatura popular, poucos se lembran hoxe do escritor nado en Campo de Ourique. Afortunadamente, hai excepcións: o cineasta Edgar Pêra, director da recente Virados do Avesso, anda a voltas cun documental sobre a súa figura que promete encherlle o ollo aos que teñen que se conformar coas escasas referencias que existen sobre o heroe da pulp fiction á portuguesa.
Rastrexando a súa pegada entre xornalistas veteranos, a unanimidade é absoluta: a capacidade creativa de Roussado Pinto resultaba extraordinaria. Nunha entrevista aparecida en A Capital en 1981, confesou xornadas de traballo de ata dezaoito horas repartidas entre distintas publicacións. Como Ross Pynn asinou as súas novelas máis elaboradas -en ocasións vendidas baixo man para evitar a intervención da policía-, pero empregou outros pseudónimos para frecuentar o western, o guión de banda deseñada, o xénero romántico, a crónica xornalística e centos de entrevistas imaxinarias que difundían «axencias informativas» das que era o seu único correspondente. Ata o seu falecemento por un ataque ao corazón -malia substituír tabaco e alcol por tres litros de Coca-Cola e medio quilo de chocolate diarios- estivo á fronte do moi psicotrónico Jornal do Incrível, quizais a súa cabeceira máis lembrada. No número que saíu á rúa trala súa morte, puido lerse un emocionante titular na primeira páxina: «Ele era um na multidão!».