Malos tempos

FUGAS

Se alguén anda na procura dunha novela que non poida deixar de ler, unha ficción para evadirse/divertirse e permanecer alleo ao ruido de fondo da actualidade, prégolle que lea Tes ata as dez de Francisco Castro. Unha historia de intriga, pero tamén unha historia de amor (as mellores historias de amor son aquelas que contan desamores). Por medio, un regreso á fin do franquismo, onde os verbos dicir ou calar eran frecuentes na prensa: os aconteceres contados non sempre coincidían coa realidade. O protagonista é un editor de corenta anos, letraferido, unido de modo especial co seu pai. Este morre de forma repentina. Despois do enterro o protagonista recibe un correo do pai coa frase que é o título do libro: «Tes ata as dez». E aquí comezan os misterios e os regresos históricos. O primeiro misterio, para este lector polo menos, é saber quen escribe o correo se o seu pai vén de ser soterrado. Un bucle de misterios trazados na forma clásica da novela negra, sen pretender ser paradigma deste xénero. Unha novela para gozar, solazarse e, sobre todo, coñecer e coñecérmonos. Estou seguro que non defraudará as expectativas de ningún lector, tanto dos devotos do xénero como daqueles que se deixan ir en calquera tipo de texto na búsqueda de pracer literario.
E pracer han encontrar tamén, especialmente os máis novos, en Historia da bicicleta dun home lagarto, libro de Fina Casalderrey que é unha alfaia preciosa, plena de bos sentimentos, emoción e emocións. Literatura infantil e xuvenil co selo da máis hábil das nosas autoras (é unha apreciación persoal absolutamente categórica). Un libro para facer lectores, para presumir do que lemos e tamén o que escribimos. Textos como estes deben estar, e estarán, en todas as aulas do país. Pero non pregunten os docentes argumentos. Lean en voz alta a historia de Mundo, o protagonista, da bicicleta e dos postes polos que sobe como un lagarto. E remato esta primeira columna do segundo mes do ano quince. Remato con desexos literarios: non deixen de acudir ás librerías, de acariñar os libros, mercalos, levalos a casa e lelos. Teño para min como un dos maiores pesares para Galicia, Nós, que pechen as librerías. Non o permitamos. Cando pecha unha librería estamos cerrando unha parte indeleble da alma do país. E sen alma, créanme, non hai país que resista estes malos tempos: para a literatura, especialmente.