O rinoceronte

FUGAS

06 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Son un fan incondicional do dramaturgo Eugène Ionesco desde que lin a súa primeira obra de teatro, A cantante calva (de 1950), unha peza xenial, crítica e divertida, que converteu ao seu autor nun dos tres grandes do Teatro do Absurdo (xunto con Samuel Beckett e Arthur Adamov). Agora fun ver O rinoceronte (1958) no Teatro María Guerrero de Madrid, nunha montaxe do Centro Dramático Nacional que dirixe Ernesto Caballero. O teatro estaba a rebordar e non sei explicar o feito de que, en tempos de crise, os teatros case sempre estean cheos. Ionesco diría, ben seguro, que isto sucede por causa do «desasosego existencial». Quen sabe.
O rinoceronte de Ionesco denuncia un dos peores males da sociedade masificada en que vivimos. Desde o comezo ata a fin estamos escoitando o ruído dunha sociedade acrítica e despersonalizada capaz de seguir calquera liderato inarticulado ata desembocar nun totalitarismo excluínte. O autor non fala de ningunha ideoloxía en concreto; fala de nós, dos individuos dunha sociedade normal que, nun momento dado, podemos acabar formando parte dun rabaño totalitario por pura comunicación osmótica. O humor que reina noutras obras do autor escasea nesta, quizais porque non quere facer chanzas cun drama que encheu de sangue o século XX.
De certo, Ionesco sospeita de todas as ideoloxías, porque cre que todas enganan. Tan convencido estaba disto que non tiña dúbidas ao afirmar que «os grandes autores son aqueles que quixeron facer propaganda e non o conseguiron». Nacido en Rumanía en 1909, pasou vivir a Paris en 1938, desde onde seguiu a II Guerra Mundial. 
A obra agora en cartel, escrita trece anos despois do remate da guerra, mostra como todos os habitantes dunha vila francesa, nun fulminante caso de «contaxio ideolóxico», vanse convertendo en rinocerontes. Todos menos un, o cidadán Berenguer, un home vulgar, pouco valorado socialmente e bastante bebedor, que resiste e non acepta esa «metamorfose», porque el quere seguir sendo o que é: unha persoa, un ser humano pobre, pero libre.
Admirador de Chaplin e dos irmáns Marx, Ionesco incorpora unha fonda tristeza existencial que permite percibir a verdadeira natureza endiañada dos nosos males. O rinoceronte ofrece unha visión paradoxalmente máis lúcida e realista do descenso aos infernos totalitarios que o filme O gran ditador, por exemplo.