Necesidade

FUGAS

Nunha das súas cartas a Franz Xaver Kappus, datada o 17 de febrero de 1903, Rainer Maria Rilke escribe: «Unha obra de arte é boa cando agroma da necesidade. Nesta forma de orixinarse está o seu enxuizamento. Non hai ningún outro modo». Ou sexa, ou escribimos por necesidade ou non escribimos. Constato que a «necesidade literaria» é cada vez menor e maior, desafortunadamente, a ambición perentoria do éxito e recoñecemento públicos. Sen público non hai literatura, quizá. Hoxe creo o contrario. A literatura existe incluso introducida no caixón do olvido, onde ninguén queira tocala: editores, axentes, premios. Cada día entendo máis a Kafka, que mandou queimar toda a súa obra. El, no fondo, e a pesar da súa tristeza perenne, comprendeu que o maior éxito é escribir: velaquí a felicidade kafkiana, concepto non estudado. Facer o propio camiño importa. Será o tempo quen sitúe e resitúe, quen sirva para comprender o fútil ou relevante da nosa arte. Non se pode escribir só para divertir. A literatura debe ser algo máis. Incluso me atrevo a sentenzar: a literatura é ese «algo máis».
Eu encontreino recentemente en As ilusións estrañas de Antón Dobao, un libro de relatos ambigüo, difícil de calificar ou explicar pero próximo á intuición da beleza. Ficción en estado puro, relatos que deixan ao lector descolocado (desnortado) fronte ao propio discurso narrado. Un libro breve que sen dúbida é apto para todos os públicos, especialmente para aqueles que lle piden á literatura máis que diversión. Literatura que leva na súa cerna o substantivo imprescindible que apuntaba Rilke: a necesidade.
Noutro sentido narrativo, pero sen dúbida artellado tamén no forzoso e inevitable, está o corpus novelesco de Diego Ameixeiras. Quero dicir que o autor escribe non como excusa, senón porque non lle queda máis remedio que facelo. Ameixeiras é o gran renovador (permítanme a vehemente afirmación) da novela negra galega. Pode agradar máis ou menos, pero ten voz de seu, inapelablemente. A súa última entrega, Conduce rápido, é electrizante, veloz, breve en frase, minimalista incluso. Novela para pasar unha tarde gozosa e que continúa con avidez a traxectoria do autor. Estou seguro que os guionistas de series virtuosas (Breaking Bad, verbigracia) encontrarían en Ameixeiras un excelente subministrador de ideas. Literatura que parte, indeleble e auténtica, da necesidade.