Concertos só para bailar

FUGAS

16 feb 2015 . Actualizado a las 20:27 h.

Unhas pegadas coloreadas, que varían coma os cadros de Warhol co cambio de escenario, é a imaxe que lle imprimen Os Cempés, ese grupo que leva máis de vinte anos sobre os palcos e que fixo de Sara, sariña un himno, a unha nova fórmula que se emprega agora para que a xente recupere o ritmo nos pés. Baile ao 100% cos Cempés, que mañá chega a San Sadurniño, é unha maneira de facer comunidade e tamén de manter os seráns de antano, esas festas de inverno coas que se entretiñan noutro tempo no rural galego. Nas citas danse clases para os que queiran iniciarse, xa que dende que as verbenas quedaron reducidas a mirar para orquestras o número de bailadores non profesionais reduciuse ata o infinito e máis aló. O grupo liderado por Serxio Ces non é o único que emprega esta fórmula, tamén hai propostas similares en espazos fixos como a Gentalha do Pichel ou na Nave de Vidán, por onde pasan músicos e grupos de recoñecido prestixio a poñer música para o que debería ser cuestión obrigada para os ritmos da terra: o baile. Diversas asociacións e agrupacións levan xa uns anos recuperando os seráns e pódese só con eles, se non se ten problema para facer quilómetros e coñecer case Galicia enteira, ter unha axenda que atender todas as fins de semana.