«Con 3 anos xa me quedaba no cole para aprender solfexo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

A sonense representa ás terras de Compostela no concurso «Recantos» e mañá enfrontarase a un novo contrincante

08 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a súa relación coa música comezou cando apenas levantaba un metro do chan, non foi ata hai uns meses cando a moza sonense Miriam Agraso decidiu dar o salto. Para tratar de abrirse camiño neste complicado mundo, presentouse á selección do concurso Recantos e, non só foi elixida, senón que xa conseguiu superar a primeira fase. Mañá volverá a medirse con outro contrincante, representando ás terras de Compostela. Aos seus 18 anos, soña con ofrecer concertos multitudinarios e confía en que este certame lle sirva de plataforma de lanzamento.

-¿Como comezou no mundo da música?

-Pois empezou cando era ben pequena. Con 3 anos xa me quedaba no colexio, despois das clases, para aprender solfexo e aos 5 empecei en piano. Despois asistín tamén a clases de guitarra e, pola miña conta, aprendín a tocar a batería. Agora estou tamén loitando co saxofón.

-E, a maiores, canta...

-Si, sempre me gustou cantar, desde que era pequeniña.

-¿Está nestes intres a súa formación dirixida ao mundo da música?

-Agora mesmo estou estudando un ciclo superior de secretariado en Santiago pero, para o ano, a miña intención é matricularme en Maxisterio e especializarme na rama musical.

-¿E como xurdiu a participación no programa Recantos?

-Pois foi case sen pensalo. Eu, de cando en vez, vía o programa e un día decidín anotarme.

-E agora, ¿está contenta coa decisión tomada?

-Si, porque participar no programa permitiume coñecer a xente que comparte a mesma afección. A verdade é que está resultando unha moi boa experiencia.

-¿Cal é o seu estilo preferido á hora de cantar?

-No concurso, o que máis me gusta son os pasodobres, as rancheiras e as coplas pero, fóra, canto pop.

-¿Cales son os seus referentes no mundo da música?

-Amaya Montero, Abel, Malú, La Oreja de Van Gongh...

-¿Soña con actuar en algún lugar concreto?

-Buf... O certo é que calquera lugar me sirve con tal de cantar.

-¿Con quen lle gustaría compartir escenario?

-Con Malú.

-¿Está nos seus pensamentos participar en un concurso a nivel estatal?

-Pois non o descarto. Quizais en canto conclúa a miña participación en Recantos me animo a presentarme a algunha proba. Penso que este tipo de programas poden ser unha boa plataforma para xente coma min, que está empezando.

-¿Aspira entón a vivir da música a pesar de que non semella tarefa doada?

-Si, claro que me gustaría vivir da música. Sei que é difícil, pero tamén penso que, se lle pos gañas e traballas duro, é posible conseguilo.

miriam agraso cantante