«Nos centros tivemos pouco tempo para poder implantar a Lomce»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

Álvaro Ballesteros

«O consello escolar é agora un organismo estético, sen competencias»

28 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

En tres décadas na docencia, Xosé Manuel Casaleiro, director do colexio Pío XII, experimentou moitas leis: «A Lode, a Logse, a Loce, a Loe, a Lopace, agora a Lomce. E a sensación é que non se dan resolto os problemas do sistema educativo», afirma. O seu centro é o maior dos públicos de Santiago. Ten 676 escolares e todos os cursos lles faltan prazas para a demanda que reciben.

-¿Como resultou o primeiro trimestre da Lomce?

-A maior diferenza é que coa nova lei desaparecen os ciclos e estamos expectantes en como repercutirá iso. Antes houbo sempre ciclos, ou etapas, que condicionaban o funcionamento das escolas de infantil e primaria.

-¿Como é iso?

-O alumnado tiña o dereito ao mesmo profesor durante o ciclo, e iso repercutía en que quen un ano ensinaba en terceiro de primaria para o seguinte sabía que estaría en cuarto, poñamos por caso. E descoñecemos como se regulará iso. Agora, en primaria, medio colexio [segundo, cuarto e sexto] funciona coa LOE e mantén o modelo anterior de ciclos, que xa non está vixente en primeiro, terceiro e quinto, onde se implantou a Lomce.

-¿Inflúe iso na organización?

-Inflúe na coordinación interna, porque a Comisión de Coordinación Pedagóxica contempla a existencia de coordinadores de ciclos; e hai tres cursos que non forman parte de ningún ciclo.

-¿Como resolven esa situación?

-No Pío XII continuamos co esquema anterior, sen a representatividade que tiña a comisión.

-¿Que outras mudanzas supón a nova lei da calidade educativa?

-De momento continúan os mesmos libros de texto e o profesorado tenta adaptar os contidos dos novos currículos co material didáctico do ano anterior. Desapareceu Coñecemento do medio, que agora é Ciencias Naturais e Ciencias Sociais, e Atención Educativa, que agora é Valores, con contidos e obxectivos determinados, e fai media, como as restantes disciplinas. Esperamos que a reválida, en terceiro, sexa semellante á avaliación de diagnóstico que se facía en cuarto de primaria. Tamén a dirección ten máis competencias e o consello escolar é agora un organismo estético, sen competencias, pois nin consultivo é.

-¿Como foron as eleccións ao consello escolar deste curso?

-Con pouca participación dos pais: de 980 votaron só 60. Penso que en parte foi consecuencia desa diminución de competencias.

-¿Como valora o proceso de implantación da Lomce?

-Nos centros tivemos pouco tempo para poder implantar a Lomce, traballamos moito ás carreiras. Ese foi o maior trastorno.

-Di que votaron pouco os pais, ¿participan na vida do centro?

-Participan a través da asociación de nais e pais, que é moi dinámica: organiza o comedor, que usan unha media de 350 escolares a diario, e moitas actividades. E as relacións son magníficas.

-¿Ve necesaria unha lei galega de Educación?

-Penso que estaría xustificada, pois hai suficientes elementos culturais, de contidos e até lingüísticos que a farían interesante, como acontece en Cataluña.

-¿Ten moita carga de traballo o alumnado de primaria?

-Está sobrecargado de actividades extraescolares; hai xornadas extraescolares case como a lectiva. A cuestión é que saiban atender as prioridades.

-Teñen moitas seccións bilingües, ¿como funcionan?

-Temos 12 seccións bilingües, tres en cada curso, de terceiro a sexto de primaria, en que se ensina plástica en inglés. E temos un docente nativo como auxiliar de conversa, con 12 horas á semana, practicamente unha por sección, e iso é insuficiente. Precisamos máis persoal especializado para ensinar o inglés en grupos reducidos, é un hándicap traballar o idioma en aulas de 25 escolares. Aínda que, no instituto, o noso alumnado non ten maiores problemas co inglés.

xosé manuel casaleiro director do colexio público pío xii

«Coa nova lei desaparecen os ciclos e estamos expectantes en como repercutirá»