Apostar polo éxito empresarial

Alfonso Cabaleiro

FIRMAS

05 dic 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Apostar pola calidade é apostar polo éxito empresarial. Máis tarde ou máis cedo, o éxito acaba recoñecendo os esforzos para encontrar un lugar no mercado e unha reputación que faga a esas empresas sostibles a longo do tempo. É o caso da traxectoria seguida por A Coroa, una bodega familiar que formou un equipo de vinificación actual e moderno para elaborar viños caracterizados pola excelencia e que están conseguindo unha gran aceptación nos mercados máis selectos. Neste caso, ademais de implantar a mellor tecnoloxía para elaboración do viño, respectando a tradición e riqueza das castes da zona de Valdeorras, A Coroa amosa que ten moi claro que só pode sobrevivir nun mercado cada vez máis competitivo grazas a distinción pola calidade. A diferenciación so por prezo é un aposta a curto prazo, de dubidosa rendibilidade, porque sempre haberá alguén que faga o mesmo máis barato. Facelo mellor xa é máis difícil.

A partir de agora Adega A Coroa disporá dun pasaporte que lle axudará a distinguirse nos mercados máis esixentes. Tamén lle permitirá participar das accións estratéxicas que desenvolverá Galicia Calidade como marca paraugas da economía galega. Nunha economía cada vez máis globalizada é preciso contar con marcas de garantía máis universais e recoñecibles polos consumidores. Sabemos que os viños franceses teñen moita sona e prestixio e todos os que proveñen de Burdeos ou Borgoña contan coa nosa confianza, pero resulta difícil distinguir os diferentes selos de certificación que hai en cada unha desas rexións.

A marca Galicia Calidade apórtalle o mesmo valor aos viños galegos. Nos mercados nacionais e internacionais, so os expertos conseguen situar no mapa e distinguir os viños das diferentes denominacións de orixe. Este selo, non só lles da un orixe doado de recoñecer, senón que tamén lle aporta a identificación co ADN galego: traballo feito con honestidade, esforzo pola superación e garantía de calidade.