«Busco que o público poña algo da súa parte, que participe»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

Aínda que comezou como pintora, leva os últimos anos experimentando con bolígrafos de diferentes cores

19 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Se por algo se caracterizan os contos é por seren capaces de espertar a curiosidade dos máis pequenos polo intenso colorido e polas orixinais formas dos seus debuxos. Así de chamativa é a colección de ilustracións que a creadora ribeirense Pilar Ageitos amosa estes días na galería O Faiado. Trátase dun conxunto de debuxos que atraen, no só polas súas vivas cores e os coidados detalles, senón tamén pola técnica empregada na súa elaboración, pois están feitos con bolígrafo.

-¿Cando comezou o seu idilio co eido artístico?

-Estudei Belas Artes en Salamanca e especialiceime en pintura. A partir de aí empecei a crear e organicei algunha que outra exposición, aínda que tamén traballei como deseñadora gráfica e mestra no ensino regulado. Por este variado currículo, tiven longas tempadas nas que deixei aparcada a creación. O ano pasado, con motivo de Barbantiarte, retomei o contacto co mundo artístico da comarca.

-E vese que ese contacto foi positivo

-Si, o que máis interesante me resultou foi que, a partir de Barbantiarte, púxenme en contacto con outros artistas da zona. A min gústame o traballo colectivo e atopei na comarca mulleres artistas que teñen a mesma inquietude. De feito, abrimos canles e estamos a darlle voltas a algún proxecto.

-¿Por que ese interese polo traballo colectivo?

-É moi enriquecedor e supón outra visión da arte, unha evolución que piden os tempos actuais. Hai que romper a barreira que se limita a emisor e receptor, é dicir, colgar un cadro para que a xente vaia a velo. Eu busco que o público poña algo da súa parte, que participe. Neste sentido, creo que o traballo colectivo é unha materia pendente da sociedade.

-¿Cal é a súa temática preferida ou a súa fonte de inspiración?

-A miña obra é moi variada. Empecei con traballos moi pictóricos pero, duns anos para aquí, debuxo con bolígrafos de cores. Tamén me gusta o mundo dos contos, así que conxuguei todo isto e vin que o resultado lle encantaba aos nenos, que abrían os ollos de par en par diante das miñas ilustracións. Foi a mirada dos nenos a que me levou a valorar os debuxos feitos con bolígrafo que, como pintora, case me parecía un retroceso nun primeiro momento.

-¿Iso é o que se pode ver no Faiado, ilustracións feitas a bolígrafo?

-Si, o que amoso no Faiado son reproducións. Hai orixinais que non soportarían unha exposición e, ademais, son obras que teñen detrás moitísimas horas de traballo. Decidín recorrer a reproducións para conservar os orixinais e tamén para poder vender debuxos a prezos alcanzables.

-E despois do Faiado, ¿continuará en Barbanza?

-Si, a colección que está agora na galería ribeirense recalará, ampliada, no centro social boirense, onde será inaugurada o 6 de decembro. Alí, a apertura vai ser en forma de obradoiro dirixido a pais e a nenos no que, a partir de imaxes que eu vou propoñer, crearanse contos en grupo. Estou moi ilusionada.