«Queremos implantar un programa de cribado para a detección precoz das persoas con risco»

m. g. ourense / la voz< / span>

FIRMAS

16 nov 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Nilo Mosquera (A Coruña, 1976) é a cabeza visible do equipo do servizo de Cirurxía Vascular que realiza as intervencións de aneurisma de aorta abdominal no CHUO.

-¿É unha actividade pioneira?

-Agora mesmo Ourense é un dos catro ou cinco hospitais de España e un dos vinte de Europa que tratan este tipo de patoloxía complexa de forma endovascular.

-¿É referencia en Galicia?

-Está arrincando en Santiago conxuntamente con nós. Eles xa tiñan experiencia no tratamento desta patoloxía pero para casos máis complexos estamos empezando a traballar conxuntamente. Hai un proxecto de creación dunha unidade funcional para traballar xuntos os dous servizos nos aneurismas máis complexos e menos frecuentes.

-A detección do aneurisma é un dos grandes problemas. ¿Hai solucións?

-En Ourense estamos na fase inicial dun programa piloto cos centros de saúde de Allariz, Chandrexa, Lobios e Bande, dirixido a homes de entre 65 e 75 anos; o seu médico failles unha ecografía abdominal para determinar o tamaño da aorta; se está por encima do normal, pasa a un estudo máis concreto. É algo moi sinxelo pero eficaz. En decembro faremos unha avaliación e, se todo vai ben, en seis meses ou un ano poderase facer en toda a provincia un plan de prevención; queremos implantar un programa de cribado para a detección precoz das persoas con risco.

-¿Que repercusión está tendo no CHUO?

-Nestes dous últimos anos tivemos compañeiros de distintos centros de España formándose e, incluso, do estranxeiro; recibimos a profesionais de Inglaterra e Alemania, por exemplo.

-Así que Ourense non está sempre na cola. ¿Cal foi a clave do éxito?

-No noso caso foron unha serie de factores. No servizo de Cirurxía Vascular somos todos moi novos e traballamos cun concepto moi parecido da patoloxía, iso fai que o grupo estea na vangarda da técnica. Ademais, o CHUO ten a vantaxe de ser un hospital pequeno, e iso axuda en moitos aspectos como acceder ao apoio doutros servizos e no noso caso foi moi importante o de Anestesia; tamén facilita o ser unha xerencia única e poder acceder máis facilmente para recibir o seu apoio.