Eladio Lavandeira é un gandeiro de Zas que hoxe participa nas xornadas de Seragro, en Lugo, cunha ponencia sobre o custe da recría.
-¿Cantas xovencas ten?
-Agora hai 133. Na granxa temos 310 animais.
-¿En que aspectos lles compensa de facer a recría?
-No sanitario e no xenético porque preferimos traballar con animais que coñecemos desde pequenos. Economicamente permite dar saída aos recursos da explotación. Temos terras dedicadas ao millo e ao raigrás que polo tamaño ou o lugar non teñen outra saída que a produción de forraxe.
-Moitos prefiren facer a recría fóra.
-O custe da recría intensiva é parecido. A diferenza é que cando as mandas fóra van con dúas semanas e non volven ata o parto. Non podes ver a evolución do animal nin sabes as enfermidades que tivo, non tes ese trato directo.
-¿Canto custa a recría?
-De 0 a 25 meses son 1.841 euros, aos que hai que engadir os 300 do nacemento, polo que non as venderiamos por menos de 2.400 ou 2.500 euros. O valor comercial dunha xovenca é de 2.100 euros, pero non teñen o potencial xenético. Ata os 6 meses teñen un custe de 700 euros. É a parte máis cara porque a alimentación é toda comprada.
-¿Levan moito tempo recriando?
-Desde o ano 85. Meu pai empezou con vacas de Alemaña e Suiza. Nos anos 90 incorporouse algunha de Suecia.
-¿Esixe tamén persoal e obras?
-Fixemos unha corte nova, adaptada para elas, para 150 ou 200 dependendo do tamaño dos animais. Precisamos un traballador máis, pero non é doado atopalo.
a pie de calle